Podemos propón unha fórmula 'confederal' ás confluencias

En Marea e En Comú Podem decidirán se aceptan a oferta ou van ao Grupo Mixto. Compromís podería dividirse en dous bloques.

Após constituírse a Cámara e elixirse a Mesa do Congreso, comezan as conversas para --nun prazo de cinco días-- decidir que lugar ocupará cada candidatura que concorreu aos comicios o 20D. Deben conformarse os grupos parlamentares, de acordo co disposto no regulamento e á espera de que a recén eleita Mesa resolva se En Marea e En Comú Podem poden finalmente optar a un propio. 

A priori o PSOE rexeitou xa esa posibilidade apelando ao artigo 23.2 da norma que rexe o funcionamento da Cámara baixa. Porén, desde as coligazóns aseguren que se axusta a dereito. 

Todas as persoas que conforman En Marea deberán ir xuntas, sexa cal sexa a decisión adoptada, de acordo co pacto asinado polas forzas da coligazón

Entretanto, Pablo Iglesias xa formulou unha solución posíbel que sumaría máis escanos aos conseguidos polo seu partido en solitario (42). Neste senso, propuxo unha fórmula 'confederal' através da que repartir diñeiro e tempo de intervencións ás candidaturas galega e catalá. Non así á valenciá. De acordo cos pactos alcanzados polas candidaturas En Marea e En Comú Podem deberán adoptar unha decisión que asuma o conxunto de parlamentares. En troca, Compromís-Podem podería fragmentarse. 

De acordo coa información publicada polos xornais Faro de Vigo e eldiario.es @s parlamentares de Compromís poderían formar grupo con Izquierda Unida, á que lle faltan escanos para contar cun propio. Ou esa foi a proposta de Alberto Garzón. Mentres, as persoas filiadas a Podemos poderían sumarse ao grupo de Iglesias. 

Porén, todas as formacións continúan as conversas e negociacións que xa iniciaron na sesión de constitución da Cámara. 

Comentarios