Podemos presentarase en solitario ás eleccións municipais en Ferrol tras fracasar as conversas con Ferrol en Común

O candidato á Alcaldía pola formación morada será Aitor Cordeiro, que asegura que Ferrol en Común "fixo imposíbel" unha candidatura de unidade.

O candidato á Alcaldía de Ferrol por Podemos, Aitor Cordeiro (Foto: Podemos Galicia).
photo_camera O candidato á Alcaldía de Ferrol por Podemos, Aitor Cordeiro (Foto: Podemos Galicia).

Podemos presentarase en solitario nas próximas eleccións municipais no Concello de Ferrol despois de fracasar as conversas abertas con Ferrol en Común para configurar unha candidatura unitaria.

Nunha rolda de prensa ofrecida na tarde desta cuarta feira na sede do partido morado na cidade naval, o candidato á Alcaldía por Podemos, Aitor Cordeiro, asegurou que Ferrol en Común "fixo imposíbel" o acordo para concorrer xuntos á cita coas urnas do 28 de maio.

"Quedando uns meses para as eleccións pensamos que a cidadanía debe coñecer as alternativas que terá", incidiu Cordeiro, que responsabilizou a coalición que lidera o ex alcalde Jorge Suárez do fracaso das conversas.

Segundo o aspirante por Podemos, Ferrol en Común "non quixo en ningún momento que Podemos se presentase a estas eleccións", algo "inaceptábel" para unha formación que, en palabras de Cordeiro, actuou con "xenerosidade".

"Estivemos dispostos a ceder en moitos aspectos, propuxemos mesmo un nome que incluíse todas as formacións, renunciando á nosa marca. Aceptabamos en todo momento a súa experiencia institucional. Sabiamos que iamos ter unha pequena presenza na candidatura", relatou antes de afirmar que para Podemos "non era un problema" que Jorge Suárez fose o cabeza de lista.

Condicións

Cordeiro incidiu en que Podemos puxo como condicións a elaboración dun programa "claro e conciso", o recoñecemento de "algúns erros" cometidos "no pasado" e a "garantía de que as medidas que se pactan e se asinan nun papel, se cumpran".

Así, sentenciou que a actitude de Ferrol en Común durante as negociacións foi "de dilatar o tempo, de pretender que Podemos non se presentara ás eleccións".

"Pensamos que empeza a profundar na cidadanía unha idea dunha especie de clase política que leva moitos anos e que non achega solucións, ao estar instalada, algo que Podemos non pode aceptar", aseverou.

A preguntas dos medios de comunicación, Aitor Cordero asegurou que nos próximos días teñen previsto presentar a lista coa que concorrerán ás eleccións do 28 de maio.

Comentarios