Podemos Galiza pregunta ás súas bases se queren ir ao 5-A en alianza con outras forzas

En plenas negociacións con Anova para unha posíbel alianza, o partido lanza unha consulta que conclúe esta quinta feira

Podemos Galicia 25X Marín_3
photo_camera Acto de Podemos

Podemos Galiza lanzou unha consulta na que pregunta á súa militancia sobre se apoian a postura da dirección de establecer, baixo o liderado do partido morado, unha alianza con outras forzas baixo a fórmula Galicia en Común e con referencia a Unidas Podemos na papeleta das eleccións galegas do próximo 5 de abril.

Os inscritos do partido morado teñen até as 20,00 horas desta quinta feira para responder 'si' ou 'non' á seguinte pregunta: "Cres que Podemos Galiza debemos concorrer ás eleccións galegas coa fórmula dunha coalición baixo a forma de Galiza en Común e a referencia estatal de Unidas Podemos asumindo a iniciativa e sumando a outras forzas progresistas?".

A consulta prodúcese en pleno proceso de conversas con Anova para configurar unha posible alianza para as autonómicas e a pouco máis de 24 horas para o peche do prazo para o rexistro de coalicións. Os contactos, que se producen a nivel organizativo e entre Antón Gómez-Reino (Podemos) e Martiño Noriega (Anova/Compostela Aberta) intensificáronse nas últimas horas.

Os estatutos de Podemos obrigan a referendar ante as e os inscritos as alianzas para os procesos electorais. Con todo, nas autonómicas de 2016, o partido morado contradixo a opinión dos seus inscritos ao aceptar a súa inclusión no partido instrumental En Marea, en contra do expresado na consulta, que apostaba por pechar unha alianza pero en formato de coalición e coa marca Podemos visible.

Comentarios