mércores 14/04/21

Podemos pasa páxina e prepárase para iniciar novo ciclo na Galiza

O partido realizará o día 15 a súa conferencia política para definir a nova estratexia a seguir no país.
Antón Gómez-Reino comparecendo tras coñecer os resultados das eleccións galegas. Europa Press
Antón Gómez-Reino comparecendo tras coñecer os resultados das eleccións galegas. (Foto: Europa Press)

Se as restricións sanitarias derivadas da pandemia non o impiden a última hora, Podemos dará por rematado o seu proceso interno de debate o domingo 15 de novembro cunha conferencia política que definirá unha nova folla de ruta para a formación na Galiza. O conclave, convocado para trazar unha táctica para o partido morado tras o seu fracaso nos comicios galegos do mes de xullo, servirá para analizar as causas do devalo electoral, achegar novas orientacións e liñas de actuación pero, sobre todo, concretará as bases para a reformulación do anteriormente denominado espazo da confluencia.

A tese política sometida ao debate das persoas inscritas aposta fundamentalmente por reforzar a organización. Así, na mesma recoñecen que dispón “de escasa implantación territorial e institucional no país”, sinalan que “non fomos quen de construír unha estrutura organizativa sólida e solvente que garantise ese crecemento e consolidación do proxecto de Podemos na Galiza” e responsabilizan da debilidade orgánica “os continuos procesos electorais” desde 2014, que impediron pór en marcha “piares sólidos”.

Neste sentido, fan unha análise crítica da experiencia das confluencias e das coalicións de partidos, que “lonxe de reforzar Podemos” provocaron a súa “non visualización” como organización.

A dirección de Podemos carga, tamén, nos seus parceiros boa parte da responsabilidade do fracaso electoral de xullo. “A incorporación in extremis de forzas aliadas, a dinámica de negociacións e a incapacidade de comunicar unha proposta clara de alternativa para Galiza son factores a ter en conta na análise electoral”, recollen os relatorios a debate quen consideran que Podemos achegou “boa parte da forza electoral” a En Marea mais “a costa da súa propia marca”. Ao tempo, o relatorio propón como receita para lograr máis relevancia política no país “volver a ser unha proposta electoral e política que a cidadanía galega perciba como útil”.

Podemos dá por rematada a súa política anterior de alianzas. A decisión do círculo local da Coruña de que a súa concelleira, Isabel Faraldo, non se integrase no grupo de Marea Atlántica ao acceder a corporación en substitución do edil dimisionario Xiao Varela responde a esta orientación recollida nos relatorios a debate. Expresa, ademais, a intención de pasar páxina na relación co espazo das confluencias e de iniciar un camiño onde a marca de Podemos se sitúe en primeiro termo.

Esquerda Unida podería ser como socio preferente nesta nova etapa, nun proceso que pode rematar coa conformación dunha formación entre as dúas organizacións, na liña do defendido polo Partido Comunista de España.

Podemos non ten pensado renovar no curto prazo os seus órganos de dirección na Galiza e a continuidade de Antón Gómez-Reino como secretario xeral dáse por segura. Porén, as fontes da formación consultadas por Nós Diario entenden que o partido debe cubrir as vacantes producidas no seu núcleo dirixente polos abandonos de cadros destacados como ex deputada pola circunscrición da Coruña Luca Chao ou o que fora número dous da formación na Galiza e persoa de referencia en Lugo, José Pérez Afonso 'Josito'. O abandono da primeira liña de actividade política por parte de Luca Chao e Pérez Afonso é considerado desde algúns sectores da organización “como un duro golpe”.

comentarios