Presión a Sánchez desde o minuto 0

Podemos oferece agora retirar a súa moción de censura se o PSOE apresenta unha propia

Novo golpe de efeito da pirotecnia podemita. Menos de 24 horas despois de se confirmar o seu triunfo nas primarias, Pedro Sánchez coñecía esta segunda feira unha oferta política de Podemos: a formación liderada por Pablo Iglesias oferece retirar a súa moción de censura se o PSOE apresenta unha propia.

podemos bescansa echenique
photo_camera Echenique, nun acto con Carolina Bescansa

Foi o secretario de Organización de Podemos, Pablo Echenique, o que se encarregou de trasladar ao PSOE, xusto o día seguinte das primarias socialistas, unha oferta política en relación á censura a Rajoy. Trataríase de que Podemos estaría disposto a retirar a súa moción sempre e cando o PSOE se animase a apresentar a súa propia.

Con este movimento sobre o taboleiro, Podemos mostra a súa vontade de presionar politicamente Pedro Sánchez xa desde o minuto 0 do seu retorno á secretaría xeral do PSOE.

Durante a campaña, e do mesmo xeito que Susana Díaz e Patxi López, Sánchez deixou claro que con el como líder o PSOE non apoiaría a moción de censura do grupo confederal Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea, rexistada a pasada sexta feira con Pablo Iglesias como candidato alternativo.

O que non desbotaba Sánchez é que no meio prazo o PSOE se animase a apresentar a súa propia moción de censura.

Podemos non quer que Sánchez xogue cos tempos e por iso quere marcarlle desde xa a axenda, para fixar a impresión na opinión pública de que o PSOE se move só porque se sente presionado pola organización liderada por Iglesias.

Echenique revelou que esta oferta ao PSOE conta co apoio de En Marea e de En Comú Podem.

Comentarios