Unidos Podemos lanza unha moción de censura a Rajoy

Regulamentariamente pode facelo, dispón de máis de 35 parlamentares. A formación liderada por Pablo Iglesias anunciou esta quinta feira que procura apoios para desprazar Rajoy da presidencia. Só un problema: a moción de censura no sistema constitucional español require dun candidato alternativo. E Unidos Podemos é neste momento o terceiro grupo parlamentar da cámara.

Podemos
photo_camera Aspecto da conferencia de imprensa en que Iglesias anunciou a moción de censura

No que ten todo o aspecto de ser unha nova cabriola parlamentar, un novo golpe de efecto marca da casa, Unidos Podemos lanza unha operación con poucas -virtualmente nulas- opcións de suceso. Unha moción de censura.

Anunciouno esta quinta feira en conferencia de imprensa Pablo Iglesias coa plana maior do grupo parlamentar de Unidos Podemos, incluído o portavoz de quenda de En Marea, Antón Gómez-Reino (á súa vez destacado dirixente de Podemos).

Iglesias afirmou que xa se teñen estabelecido contactos co PSOE, con CC OO (non con UXT) e con Xuíces pola Democracia. Xavier Doménech, por súa parte, revelou que mantiveron conversas con ERC e o Partit Demòcrata Europeu Català, a antiga Convergència.

O líder de Podemos non esclareceu se el sería o candidato alternativo a Rajoy. "Isto non vai de nomes nen de caras", dixo.

A moción sería a resposta ao agravamento dos fenómenos de corrupción que atinxe o PP, en plena fervenza de detencións e imputacións arredor da chamada Operación Lezo, en que se investiga a trama de financiamento irregular do partido no goberno.

Non parece previsíbel que Unidos Podemos vaia ter o apoio do segundo grupo parlamentar da cámara, o PSOE, fraccionado neste momento polo seu congreso.

En todo caso, e despois de ter facilitado a continuidade de Rajoy na Moncloa ao vetar no seu día o goberno pactado por PSOE con Cs, Unidos Podemos quer enarborar agora a bandeira do cambio político e da rexeneración.

"Puxéronnos nas institucións para mudar as cousas e o mecanismo para quitar o PP é a moción de censura", dixo Iglesias.

Comentarios