Podemos e IU exploran unha confluencia de se repetir as eleccións estatais

O partido de Pablo Iglesias acepta agora sondear unha posibilidade que negou antes do 20-D.

pablo garzon

Podemos e Izquierda Unida exploran as posibilidades de acadar unha confluencia electoral se hai eleccións anticipadas. O escenario que o partido de Pablo Iglesias negou por activa e pasiva antes dos comicios de 20-D pode coller forma nas vindeiras semanas. Polo de agora, e segundo a prensa española, o que hai é sondaxes, chiscadelas e algunha que outra declaración de intencións favorábel a iniciar contactos entre ambas as dúas formacións. 'El Diario' afirma que xa se produciron xuntanzas entre o secretario de Organización de Podemos, Pablo Echenique, e un alto dirixente de Izquierda Unida para ir preparando as 'cuestións previas'.

Podemos e IU, por boca de dirixentes, negaron que houbese xa algún acordo ou pacto neste sentido, mais recoñeceron que había dispoñibilidade a falar. Analistas e xornalistas dos diarios estatais apontan a que con esta confluencia Podemos e IU aumentarían os deputados que suman por separado e situaríanse en posibilidade 'certa' de dar o 'sorpasso' ao PSOE. Mais tamén indican que hai sectores renuentes a tal confluencia tanto en Podemos como en IU. Hai quen advirte de que editar un 'fronte de esquerdas' racha coa mensaxe de 'transversalidade' podemita e pode ter custos na fuga de antigos votantes socialistas ou xente que non acredita no eixo esquerda / dereita mais no casta / cidadanía que Podemos impulsou. Argumentos que no seu momento empregaran Pablo Iglesias ou Iñigo Errejón para desbotar ese pacto con IU.

Aliás, e sempre segundo se aponta desde medios estatais, podería haber diferencias entre Podemos e IU á hora da fórmula coa que dar forma a esa confluencia. Así como as diferencias á hora de configurar as listas, pois, sempre en base a estas fontes, Podemos querería que Alberto Garzón fose por Málaga mais este optaría por Madrid, onde están Iglesias e Errejón, entre outros.

Comentarios