INVESTIDURA

Podemos, IU e Compromís rachan negociacións con Sánchez após o acordo do PSOE con Ciudadanos

Após teren coñecemento do acordo de investidura do PSOE e Ciudadanos, Podemos, IU e Compromís dan por finalizadas, polo momento, as negociacións con Pedro Sánchez. Adían as conversas até despois das sesións de investidura.

[Imaxe: @ciudadanos] Sánchez e Rivera, na sinatura do acordo
photo_camera [Imaxe: @ciudadanos] Sánchez e Rivera, na sinatura do acordo

O acordo de investidura anunciado polo PSOE e Ciudadanos provocou as reaccións das formacións coas que Pedro Sánchez negociaba a dúas bandas. Así, Podemos, IU e Compromís anunciaron que rachan coas negociacións co PSOE.

Desde Podemos, o número dous, Íñigo Errejón, sinalou que o acordo entre o PSOE e o partido de Albert Rivera é “incompatíbel” coas políticas que defende Podemos. Neste contexto, acusou o partido de Pedro Sánchez de “frustrar” unha oportunidade histórica. Aínda que matizou as súas declaracións cun “de momento”. E é que apuntou que a man do partido morado “segue tendida” para un “goberno de cambio”, aínda que adía as conversas até após a investidura.

Baldoví (Compromís): "O PP quería facer unha partitura que lle soara ben a todos e non o logrou"

O deputado e portavoz de Compromís, Joan Baldoví, advertiu de que o acordo entre o PSOE e Ciudadanos constata “o fracaso para artellar unha maioría de esquerdas”. “O PSOE quería facer unha partitura que lle soara ben a todos e non o logrou. Realmente, desafina para moita xente”, ilustrou. O parlamentar critica, nomeadamente, a parte económica do documento, ao igual que IU.

A deputada de IU, Sol Sánchez, asegura que aínda que o “foro a catro” que impulsou a formación de esquerdas é válido “non ten sentido manter novas reunións se non é con todos os seus integrantes”. Só haberá unha nova reunión de recompoñerse a situación, advertiu.

Desde Compromís e IU tamén deixaron a porta aberta a novas conversas após o día 5, a data da segunda votación da investidura de Pedro Sánchez. “Creo que após o día 5 hai vida”, aseverou o portavoz de Compromís.

Máis en POLÍTICA
Comentarios