mércores 25/11/20

Podemos Galiza pretende rearmarse a nivel local de cara ás municipais de 2023

A formación que lidera Antón Gómez Reino retoma a vida orgánica cunha conferencia telemática coas militantes, que apoiaron a postura oficial de potenciar a marca Podemos.
Antón Gómez-Reino comparecendo tras coñecer os resultados das eleccións galegas. (Foto: Europa Press)
Antón Gómez-Reino comparecendo tras coñecer os resultados das eleccións galegas. (Foto: Europa Press)

Podemos Galiza retomou hoxe a súa vida orgánica a nivel galego cunha conferencia política na que as súas e os seus militantes apoiaron a postura oficial de centraren esforzos en rearmarse a nivel local.

A vista está posta nas eleccións municipais de 2023, nas que pretenden potenciar a marca propia.

Por volta dun centenar de militantes participou neste encontro telemático. Relanzar o proxecto desde o local é o obxectivo sinalado pola formación que encabeza Antón Gómez-Reino.

A reformulación chega logo do duro golpe sufrido nas autonómicas do 12 de xullo, nas que, actuando como motor da coalición Galiza En Común-Anova Mareas, ficaron sen representación parlamentaria.

A proposta da dirección saíu adiante, segundo fontes da organización, por "maioría" nunha conferencia política que se desenvolveu a través de Internet e sen convocatoria de prensa.

As mesmas fontes avanzan que Gómez-Reino ten previsto nos próximos días comparecer ante os medios, algo que non fai desde a noite electoral do 12 de xullo.

comentarios