Só 2 mulleres nas 15 candidaturas ás secretarías locais

Compostela e Vigo, principais escenarios das primarias de Podemos Galicia

No resto das cidades galegas a militancia aposta nunha solución de consenso. Canto ás vilas, haberá competición entre dous candidatos en Ames e Sanxenxo. As primarias estarán moi masculinizadas: só 2 mulleres, entre 15 aspirantes ás secretarías xerais locais.

 

Antón Gómez-Reino
photo_camera Antón Gómez-Reino

O partido morado reactiva o seu funcionamento convocando unhas eleccións primarias locais para elixir os secretarios xerais municipais en once poboacións galegas.

En Compostela competirán pola secretaría David Domenech —próximo á liña de Errejón— e Álex Botello —do sector oficial—mentres que na cidade de Vigo rexistraron a súa candidatura Pablo Orge Ballesteros, afín ao ex secretario de Organización, Juan Merlo, e Xaquín Pastoriza, posicionado coa nova dirección que encabeza Antón Gómez Reino.

No resto das cidades un único aspirante conseguiu os avais necesarios: na Coruña presentarase José García Buitrón —dirixente que mantén unha relación moi estreita co secretario xeral galego-— en Ferrol, Borja San Ramón Tizón; en Lugo, José Manuel Pérez Afonso; en Ourense, Alfonso Victor Ferreiro Outomuro e en Pontevedra, José Ramón Otero Quinteiro.

No caso das vilas, en Ames concorren Manuel Pardo Castro e Eusebio Ónega, mentres que en Sanxenxo o fan Antonio Manuel Villanueva Area e María del Carmen Camiña Vázquez. Nas demais, acadouse unha proposta de consenso: en Gondomar, Manuel Lado García e en Sarria, Paula Santiago Fernández.

Para poder votar, as inscritas e inscritos en Podemos Galicia poderán facelo vía telemática dende o día 20  até o 25, ambos incluídos. Os resultados faranse públicos o día 27 de novembro.

Comentarios