Podemos Galicia aposta por confluír con Sumar mais admite que a decisión é da dirección estatal

O coordinador de Podemos Galicia, Borja San Ramón, atendeu aos medios de comunicación antes do Consello Cidadán na sede de Podemos Galicia en Santiago.
O coordinador de Podemos Galicia, Borja San Ramón, este sábado (Foto: Nós Diario).
photo_camera O coordinador de Podemos Galicia, Borja San Ramón, este sábado (Foto: Nós Diario).

O coordinador de Podemos Galicia, Borja San Ramón, reiterou que a organización morada galega é favorábel a confluír con Sumar, o partido creado pola vicepresidenta española Yolanda Díaz, e así configurar unha "candidatura ampla", aínda que recoñeceu que a decisión final corresponde á dirección estatal que encabeza a secretaria xeral, Ione Belarra.

San Ramón atendeu aos medios de comunicación antes do Consello Cidadán na sede de Podemos Galicia en Santiago, que serviu para analizar os resultados das eleccións municipais do pasado 28 de maio e dar os primeiros pasos para preparar as xerais convocadas para o 23 de xullo.

Segundo o responsábel de Podemos Galicia, o resultado do 28 de maio é "malo, sen paliativos" en todo o Estado e require "dun proceso de reflexión e traballo conxunto" para analizar as causas, aínda que admitiu que a convocatoria das xerais en sete semanas fai que non poida tomarse "moito tempo". "Témonos que pór a camiñar", apostilou.

Neste sentido, a preguntas dos xornalistas, San Ramón incidiu en que a postura da dirección que asumiu as rendas de Podemos Galicia a finais de 2022 é "evidente" sobre a súa relación co proxecto de Yolanda Díaz, á que o documento co que concorreron ás eleccións internas recoñecía un liderado no espazo político que ven compatíbel co orgánico que exerce Ione Belarra.

Así, resaltou que avogan por configurar candidaturas "amplas" que sexan "capaces de chegar ao máximo espectro da sociedade posíbel" para poder "revalidar" o Goberno estatal de coalición dos últimos tres anos e medio.

Con todo, matizou que a decisión final sobre a confluencia con Sumar corresponde á dirección estatal que encabeza a tamén ministra Ione Belarra, con quen San Ramón mantivo unha conversación "esta semana" na que lle trasladou que a postura de Podemos Galicia "é pública e evidente".

Preguntado pola posibilidade de que sexa necesario que algunhas referencias do partido teñan que dar un paso ao carón para que exista o acordo, San Ramón incidiu en que "non lle consta" que exista esa petición "a nivel público" e apelou a que a configuración das listas é un traballo que corresponde facer "a Díaz e o seu equipo con Podemos, Esquerda Unida, os comúns, Compromís, Más Madrid e as decenas de forzas" que forman parte do "espazo político".

Neste sentido, apuntou que o adianto electoral impide que poidan realizarse unhas primarias para confeccionar as listas como reclamaba Podemos porque esta forma de democracia interna está "no ADN" da organización.

Así as cousas e ante a imposibilidade de que as bases das organizacións elixan os seus representantes polos axustados tempos do calendario electoral, San Ramón sinalou que é ás direccións políticas a quen corresponde "pór os nomes sobre a mesa" para "traballar" polo proxecto coa meta de conseguir a continuidade do Goberno estatal de coalición co PSOE.

Comentarios