En Euskadi, o PNV (24,76%), que en 2011 acadou 5 escanos, obtén 6 parlamentares nas eleccións deste 20D, aínda que é superado en votos por Podemos (25,97%), que se fai con 5 escanos. O PSE-EE PSOE (13,26%) consegue 3 deputados, cando en 2011 lograra 4, e EH Bildu (15,07%) faise con 2 –Amaiur acadara en 2011 6 escanos-. O PP (11,62%) baixa dos 3 aos 2 escanos.
En Nafarroa, UPN-PP (28,95%) mantense nos dous escanos que obtivera en 2011. A continuación, sitúase Podemos (22,96%), con 2 escanos, e o PSOE (15,54%), con 1. Nas anteriores eleccións xerais, Amaiur e GBai acadaran cadanseu parlamentar.
En Comú Podem, que irrompe no mapa catalán destas xerais con 12 escanos e o 24,70% dos votos, sitúase como primeira forza en Catalunya. Mais a noticia está en Esquerra (15,99%), que dispara o seu número de parlamentares ao pasar dos 3 de 2011 aos 9 de 2015.
O PSC (15,69%) acada 8 escanos, fronte aos 14 que obtivera hai catro anos, e Democracia i Llibertat (15,12%), formación na que se integra Convergencia, sitúase na cuarta posición, con 8 escanos –CIU fixérase con 16 en 2011-. Ciudadanos (13,04%) logra 5 parlamentares e o PP (11,13%) baixa dos 11 escanos de 2011 aos 5 de 2015.