Eleccións

Podemos, Esquerda Unida e Anova ultiman o pacto para o 5-A

As mareas locais Compostela Aberta e Marea Atlántica están dentro do acordo
Membros da primeira En Marea nun encontro no ano 2016 (Nós Diario).
photo_camera Membros da primeira En Marea nun encontro no ano 2016 (Nós Diario).

Ninguén quería cargar co "estigma" de poñer en risco o cambio político na Galiza. O entendemento que non tiveron nos case catro anos que levan no Parlamento galego tiña que chegar en dúas semanas e, como sempre, apuraron os tempos até última hora. Así, cunha negociación a contrarreloxo, trataba de pecharse o acordo entre Podemos, Esquerda Unida, Anova e as mareas das cidades, capitaneadas por Compostela Aberta e a Marea Atlántica da Coruña.

Ao peche desta edición, as forzas da esquerda galega herdeiras da primeira En Marea daban por feito que concorrerían xuntas ás eleccións á Presidencia da Xunta do vindeiro 5 de abril.

Na coalición "en pé de igualdade", segundo puido saber Nós Diario, definiríanse dous suxeitos ben diferenciados. Por un lado estarían Unidas Podemos (a marca de Podemos e Esquerda Unida no Estado) e, polo outro lado, Anova coas mareas lideradas por Compostela Aberta e a Marea Atlántica.

Desta maneira, a candidatura sumaría dous actores, un "máis clásico" da esquerda federal e outro do soberanismo e os movementos municipalistas, como sinalaron fontes da negociación a Nós Diario.

Esta coalición a dous suxeitos políticos vaise reflectir en todos os ámbitos, tanto no electoral como nos órganos de Goberno da coalición, nas listas e nos recursos económicos.

"Isto cambia diametralmente o paradigma que manexabamos hai uns días", recoñeceron no día de onte fontes presentes na negociación. Hai tan só uns días Unidas Podemos mantiña unha postura hexemónica no espazo político que se foi construíndo desde 2012 coa irrupción de Alternativa Galega de Esquerda (AGE). As 48 horas previas ao límite imposto polo calendario da Xunta Electoral foron definitivas para que ambas partes achegasen posicións.  

Por que se produciu ese cambio? Fontes de Anova confirmaron a Nós Diario que a renuncia do ex alcalde de Compostela Martiño Noriega a encabezar a coalición permitiu "abrir as condicións" dun acordo que era "absolutamente impensábel" esta cuarta feira.

"Ninguén quería, dalgunha maneira, cargar co estigma de que o cambio político no país fora fanado polo feito de que estes dos suxeitos concorresen ás eleccións de maneira separada", afirmaron esas mesmas fontes a Nós Diario.

As dificultades para definir as candidaturas

Ao peche desta edición, Podemos, Esquerda Unida, Anova e estas mareas locais seguían reunidas para ultimar os detalles do acordo electoral. Fontes da formación morada trasladaron a Nós Diario que tiñan "certo acordo coa marca" que aparecerá nas papeletas. Esta sería Galicia en Común-Anova-Mareas, unha variación da empregada por Unidas Podemos desde Galiza nas eleccións estatais de 2019.

Na papeleta, segundo precisaron, debaixo do nome principal aparecerían, "con certa segmentación", os identificativos dos partidos na seguinte orde: Podemos, Esquerda Unida, Anova e mareas.

A pesar de que o prazo para rexistrar os nomes das persoas que forman parte das candidaturas definitivas ás eleccións remata dentro dunha semana, as formacións á esquerda do PSdeG tiñan esta sexta feira moi presente a que activos políticos poderían colocar en cada lista á hora de pechar o pacto global da confluencia.

Desde o comezo destas conversas a raíz do adianto electoral anunciado por Alberto Núñez Feixoo o pasado 10 de febreiro Podemos deixou claro que o seu secretario xeral, Antón Gómez-Reino, sería o cabeza de lista da confluencia "con Anova ou sen Anova".

Por parte de Esquerda Unida, unha das condicións era que a súa coordinadora nacional, Eva Solla, encabezase a lista por Pontevedra. Falta definir como se incorporan o resto dos actores, mais fontes de Anova sinalaron a Nós Diario que aspiran a ter "presenza" no segundo posto por esta circunscrición. O terceiro lugar sería para o actual deputado do Grupo Común da Esquerda Marcos Cal, pertencente á formación morada.

A última hora, Anova non tiña definidos os seus candidatos e candidatas. Nin sequera confirmaron que Martiño Noriega, líder de Compostela Aberta, fose formar parte das listas.  Por outra parte, David Bruzos, de Podemos, encabezaría a candidatura por Ourense.

Comentarios