Podemos e Esquerda Unida anuncian a súa alianza na Coruña mentres esperan resposta da Marea Atlántica

Podemos e Esquerda Unida explican que concorrerán conxuntamente ás municipais e abren a porta a unha "fronte ampla" coa Marea Atlántica.
Podemos e Esquerda Unida anunciaron esta segunda feira a súa candidatura conxunta ás municipais na Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Podemos e Esquerda Unida anunciaron esta segunda feira a súa candidatura conxunta ás municipais na Coruña (Foto: Nós Diario).

Podemos e Esquerda Unida ratificaron esta segunda feira a súa intención de presentarse conxuntamente ás próximas eleccións municipais na Coruña, aínda que con disposición ao diálogo coa Marea Atlántica para formar "unha fronte ampla".

Así o expuxeron a concelleira de Podemos no consistorio coruñés, Isabel Faraldo, e a coordinadora local de Esquerda Unida, Carmen Armada, con motivo da presentación ante os medios de comunicación da decisión de ambas as formacións.

Fano sen, por agora, ter un candidato ou candidata á Alcaldía, para o que se fixaron como prazo o final deste ano 2022. Porén, explicaron ambas formacións, queren centrarse primeiro en levar a cabo encontros coa cidadanía para dar a coñecer o seu programa e escoitar tamén as súas propostas.

Tanto Faraldo como Armada explicaron que se puxeron en contacto coa Marea Atlántica, mais que non obtiveron, polo momento, resposta. E, aínda que a primeira argumentou que non van seguir "esperando por ninguén", incidiu en que a candidatura non está "fechada" e que se mantén a disposición ao diálogo.

Con respecto á persoa que liderará a candidatura, Faraldo sinalou que non está tampouco "fechado" e que está por determinar se pode ser ela ou Armada ou outro persoa "mesmo máis aló de Podemos ou Esquerda Unida". "Iso decidirase", apelando á procura dunha "figura de consenso" sobre a que, avanzou, está a traballarse.

Mentres, Carmen Armada asegurou que tanto Podemos como Esquerda Unida levan traballando na Coruña "da man" desde hai tempo e que agora dan "un paso máis", pero "abertos a formar unha fronte ampla". "Á espera de que nos contesten e sentarnos", dixo sobre a Marea Atlántica.

Do candidato ou candidato á Alcaldía, coincidiu en que están agora "traballando no programa" e coa intención de que, de "forma natural", se concrete unha persoa de "consenso". "Agora estamos a tentar ensanchar", sinalou sobre o proxecto e apelando ás forzas de esquerda.

Proceso en Podemos

Noutra orde de cousas, e sobre a influencia que o proceso en Podemos para elixir ao seu novo secretario xeral poida ter nas municipais, Faraldo, que forma parte da candidatura de Borja San Ramón, descartou, preguntada por esta cuestión, que poida repercutir de forma negativa e incidiu en que o "importante agora é implantar Podemos na Galiza".

Fíxoo mostrando o seu agradecemento ao até o de agora responsábel da formación a nivel galego, Antón Gómez-Reino, do que destacou o seu "nivel de compromiso" coa formación violeta e tamén coa Galiza.

Comentarios