En marzo a confluencia desbotou ser unha simple "plataforma eleitoral"

A coligazón na que apostan EU e Podemos bate coas teses do plenario de En Marea

No seu último plenario -realizado en marzo deste ano-, En Marea desbotaba converterse "nunha sorte de simple recurso ou plataforma eleitoral". Defendía tamén criar máis mareas locais, ao tempo que a estrutura nacional se oferecía como "paraugas político instrumental" para facer fronte "ao desafío municipalista de 2017". Mais nen Podemos Galiza nen Esquerda Unida se senten vinculados a este mandato asembleario. Si, en troca, asumen o acordo que as súas cúpulas estatais asinaron o pasado venres -tamén con Equo- e en virtude do cal pactaban ir en coligazón -e non como partido instrumental- nas municipais de 2019.

en marea
photo_camera Aspecto do último plenario da confluencia

A situación interna de En Marea é de confronto aberto. Non se albiscan nen terceiras vías que podan aproximar posicións nen pontes de diálogo. Os partidos de ámbito estatal -que son hexemónicos no grupo parlamentar- non participan nas reunións orgánicas da confluencia e non se senten vinculados cos acordos que nelas se adoptan. Aconteceu co recente referendo interno sobre a demisión de Paula Quinteiro, un procedimento contemplado nos estatutos da organización mais que foi abertamente boicotado pola oposición interna a Villares, que o considerou ilexítimo. 

O conflito atinxe a propia esencia do proxecto. O núcleo maioritario na dirección (composto por independentes próximos a Villares, sector crítico de Anova, Cerna e algunhas marés locais) concibe En Marea como un partido nacional galego, de afiliación individual. Como unha organización, por tanto, co centro de decisión na Galiza. Esquerda Unida e Podemos non aceitan de ningún xeito esta formulación. Non é só que non contemplen a súa disolución no magma común de En Marea, senón que mesmo cuestionan a existencia da confluencia como unha organización política con identidade de seu. "Ese modelo non funcionou", afirmou no seu día Carmen Santos. Podemos e Esquerda Unida só están dispostos a ver en En Marea unha coligazón de partidos. Ou sexa, simplesmente un artefacto xurídico-político para concorrer unidos ás eleccións. O resto do tempo, a vida orgánica tense de facer nas respectivas formacións partidarias.

A fin de semana pasada, Podemos, Izquierda Unida e Equo selaron en Madrid o acordo en virtude do cal concorrerán baixo a marca Unidas Podemos Izquierda Unida-Equo ás eleccións municipais de maio de 2019 e coa denominación Unidas Podemos Cambiar Europea aos comicios ao Parlamento de Bruxelas. Os tres partidos entenden que a coaligazón é a forma xurídica máis congruente para representar a unidade "sen renunciar á diversidade". Acordaron, iso si, excepcionar aqueles concellos en que tiveron suceso en 2015 confluencias con marcas eleitorais distintas, tipo Ganemos Madrid ou Barcelona en Comú. As organizacións galegas de Podemos e Esquerda Unida trasladan agora ese pacto ao noso país.

"Partido instrumental, partido ornamental"

O que ten na cabeza o conglomerado Podemos Esquerda Unida está por tanto a anos luz do partido nacional galego polo que pulan Luís Villares e os seus. "A fórmula de coaligazón é a máis adecuada para evitar as tensións que xera criar partidos instrumentais que se converten en partidos ornamentais", dixo esta segunda feira en conferencia de imprensa Rubén Pérez, portavoz da Marea de Vigo e secretario de Organización de Esquerda Unida. E por se ficase calquera dúbida, esclareceu: "Nunca defendimos que En Marea se constituíse como partido para concorrer a todos os procesos eleitorais porque cada un ten a súa propia organización política".

O acordo estabelecido polas forzas políticas estatais en Madrid -e asumido polas súas organizacións galegas- non hai maneira de o encaixar cos documentos aprobados no último plenario de En Marea, realizado no pasado mes de marzo

O problema está en que o acordo estabelecido polas forzas políticas estatais en Madrid -e asumido polas súas organizacións galegas- non hai maneira de o encaixar cos documentos aprobados no último plenario de En Marea, realizado no pasado mes de marzo. Neles afirmábase que a confluencia "non debe converterse nunha sorte de simple recurso ou plataforma eleitoral", senón que debe asegurar "desde o principio da autonomía municipalista, un proxecto nacional". O plenario -equivalente a unha asemblea nacional ou a un congreso- defendeu a "autonomía das mareas locais" mais tamén a súa coordenacion e cooperación.

A propia Carmen Santos admitiu que Galiza apresenta "características diferentes" no plano político, daí que as alianzas eleitorais serán estudadas "municipio a municipio". E cal é o criterio base a partir do cal estabelecer se a candidatura debe chamarse Unidas Podemos Esquerda Unida-Equo ou debe manter a denominación da maré local? Santos avanzou que naqueles concellos en que a confluencia xa goberna -Compostela, Ferrol e A Coruña- se manterá a denominación xa consolidada -Compostela Aberta, Ferrol en Común e Marea Atlántica.

E Anova? A forza liderada por Antón Sánchez aínda non se ten pronunciado sobre a posición fixada polas forzas estatais coas que convive na confluencia.

Comentarios