Día da Patria Galega

Podemos foca o 25X como unha celebración feminista

A formación morada celebrou o día da nación galega esta quinta feira cun acto de afirmación feminista. "A maneira que temos de celebrar a Patria é defender os dereitos das mulleres", dixo a Sermos un portavoz de Podemos Galicia.
Podemos Galicia 25X Marín_3
photo_camera [Imaxe: Podemos] Público no acto de Podemos que decorreu en Marín.

Podemos Galicia 25X Marín_2A praza de Carmen Pesqueira, "A  Capirota", en Marín, acolleu o acto de Podemos con motivo do Día da Patria Galega. No evento tomaron parte a deputada da formación morada no Hórreo, Julia Torregosa; ben como a secretaria galega de Feminismos e LGTB+, Verónica Hermida; e a portavoz do partido en Marín, Tesi Landín.

Torregosa centrou a súa intervención nunha denuncia da discriminación que sofren as mulleres no ámbito laboral. As traballadoras galegas, ilustrou, cobran de media 27,5% menos que os homes. "Galiza é o caso máis extremo de todo o Estado, sendo que para suprimir a fenda salarial ao ritmo actual tardaríase 615 anos”, dixo.

“Podemos impulsou esta lexislatura numerosas iniciativas no Parlamento de Galiza destinadas a mellorar a situación laboral da muller, eliminar a fenda salarial e o traballo precario, e para favorecer a conciliación. Pero temos que seguir loitando por unha Galiza feminista”, arengou.

Por súa parte, Verónica Hermida evocou os versos de Xohana Torres do seu poema Penélope ao reclamar "unha Galiza na que a maxia sexa de todas e na que todas podamos berrar por aquelas mulleres que loitaron antes cá nós: Eu tamén navegar”.

Nota: esta nota foi emendada ás 15.08.

Comentarios