Podemos desmárcase de fórmulas xenéricas como Ganemos e as Marés

Fixa como prioritarias as eleccións "autonómicas e xerais" ás que se presentará como partido político e nas que foxe da "esquerda" para apostar na "centralidade". 

[Imaxe Podemos]
photo_camera [Imaxe Podemos]

O Consello cidadán de Podemos aprobou un documento político o pasado 29 de novembro no que fixa a súa estratexia política cara ás eleccións municipais de 2015. 

A formación que lidera Pablo Iglesias ordena á súa militancia, através dunha comunicación "de obrigado cumprimento" desmarcarse das Marés/Ganemos e fixa como prioritarias as eleccións "autonómicas e xerais" ás que si concorrerán con candidaturas propias. Segundo o texto difundido por El Confidencial, a dirección política de Podemos coida prexudicial a incorporación a estas fórmulas electorais da súa base social pois, afirman, "poden comprometer a estratexia para as xerais". 

Neste senso, o Consello cidadán racha de antemán calquera acordo pre-eleitoral con formacións políticas xa existentes como Izquierda Unida ou, na Galiza, AGE (Anova-EU), quer baixo o paraugas das Marés quer co de Gañemos. "Non debemos ter medo a quen tenta impornos as formas da vella política apelando á súa maior experiencia", sinalan no documento. 
 

Agrupacións electorais e "centralidade"

Ora ben, deixa en mans de cada círculo local a decisión de concorrer ou non aos comicios baixo a fórmula das agrupacións de electores. Unha posibilidade recollida na Lei electoral e que fixa candidaturas non vencellábeis entre si e concibidas unicamente para un só proceso electoral. Baixo a denominación de "candidaturas de unidade popular" a circular fixa, tamén, os criterios mínimos que han de cumprir as devanditas agrupacións electorais, a comezar pola convocatoria de "primarias abertas" na escolla das persoas candidatas. 

Así mesmo delimita ideoloxicamente estas propostas electorais e o propio partido na "centralidade" e foxe expresamente da concepción de "esquerda". "Debemos ser cautos e, ao mesmo tempo, conscientes da nosa centralidade", apunta a executiva de Podemos no documento. Un feito que enmarcan, máis unha vez, na súa estratexia electoral de modo a unir capas máis amplas da sociedade arredor do proxecto político e, con isto, un maior número de apoios electorais. 

Comentarios