Podemos descólgase de Marea Atlántica e terá concelleira propia no Concello coruñés

A asemblea de formación morada decidiu que Isabel Faraldo, que entra como edil tras a renuncia de Xiao Varela, non se integre no grupo municipalista.

Isabel Faraldo, de Podemos
photo_camera Isabel Faraldo, de Podemos

Podemos terá representación propia no Pleno do Concello da Coruña, á marxe de Marea Atlántica, a lista coa que concorreu ás eleccións municipais de 2019.

Así o decidiu a asemblea da formación morada na Coruña, onde se acordou que Isabel Faraldo, desta organización e que entra para substituír a Xiao Varela no Pleno, non se integre no grupo da Marea Atlántica. Que sexa concelleira non adscrita e represente así a Podemos.

Faraldo ía de número oito na candidatura de Marea Atlántica e tomará posesión no Pleno do vindeiro mes de decembro.

Así pois, Podemos terá representación de seu na cámara coruñesa a través dunha concelleira non adscrita e que se presentou aos comicios municipais do ano pasado na lista da candidatura municipalista.

Nos últimos días, e após a marcha de Xiao Varela, este escenario estaba presente en non poucas quinielas embora Marea Atlántica sinalaba que non contemplaba outro escenario que non fose que Faraldo sen sumase ás súas filas. 

Mais finalmente isto non foi así e Marea Atlántica terá cinco dos seis concelleiros obtidos nas eleccións do ano pasado, sendo o secto para Podemos como edil non adscrita.

O secretario de Podemos na Coruña, García Buitrón, manifestaba a principios desta semana en Radio Coruña que estaban "en debate" pero advertía de que Podemos non podía "diluírse nin quedar sen voz" no Concello da Coruña

A Coordinadora da Marea Atlántica reclámalle a través dun comunicado a Isabel Faraldo que reconsidere a decisión de entrar en María Pita como concelleira non adscrita en lugar de integrarse no noso Grupo Municipal. "Pedímoslle que non protagonice unha nova operación de transfuguismo en María Pita".

"Isabel Faraldo concorreu ás eleccións municipais de 2019 na lista da Marea Atlántica, como inscrita na Marea Atlántica, cos avais das compañeiras e os compañeiros da Marea Atlántica que esixía o regulamento de primarias e comprometéndose, por escrito, coa defensa dos principios básicos da Marea Atlántica e co cumprimento do Código Ético da Marea Atlántica. A única opción honesta, ética e democrática é que Isabel Faraldo se sume ao Grupo Municipal da Marea Atlántica en igualdade de condicións co resto dos concelleiros e as concelleiras. Nese sentido, reiteramos o convite que xa lle trasladamos persoalmente nos últimos días". 

Comentarios