Podemos desbota converter En Marea nun partido instrumental

Aínda que aposta no espazo de confluencia En Marea, Podemos desbota converter a coligazón nun partido instrumental. Así o advertiu na asemblea que a formación liderada por Pablo Iglesias realizou o sábado en Ames.

[Imaxe: Podemos O Barco]
photo_camera [Imaxe: Podemos O Barco]

O sentido maioritario das intervencións que tiveron lugar na asemblea que Podemos realizou na tarde do sábado en Ames foi o de rexeitar converter en En Marea nun partido instrumental, que é a principal aposta de Anova, reclamación que apoia Compostela Aberta. Segundo recolle a axencia Europa Press, a asemblea manifestouse a favor de erixir En Marea como “proxecto para o cambio” nas eleccións estatais e nas galegas.

En relación ao movemento das Mareas En Común, no que se aglutinan as candidaturas municipalistas, fontes da dirección aseguran que “as bases de Podemos apoian que o único espazo de confluencia posíbel é En Marea e que se o proxecto de Mareas en Común quere apoiar o cambio en Galiza debe sumarse á democratización de En Marea”, cita Europa Press.

Na asemblea do sábado participaron, segundo fontes da organización, unhas 200 persoas, entre as que se atopaban os deputados Antón Gómez Reino e Ángela Rodríguez, así como o senador José Manuel Buitrón, que renderon contas do seu labor no Congreso e no Senado. Segundo salienta Podemos nunha nota de prensa, “varias persoas que acudiron ao longo do día manifestáronlles aos deputados e senador a necesidade de democratizar o espazo En Marea”.

IU, en contra de facer de En Marea un partido instrumental

Ao igual que Podemos, IU tamén rexeita converter En Marea nun partido instrumental. Yolanda Díaz, coordinadora nacional e deputada do grupo parlamentar de Podemos, no que se insire En Marea, sinalou nos últimos días que o partido instrumental non garante o grupo propio.

No seo de En Marea está a darse o debate arredor da conversión da coligazón nun partido instrumental de cara ás próximas eleccións. O 15 de maio terá lugar unha asemblea para relanzar o proxecto.

Comentarios