Podemos defende un “galeguismo reflexivo” e di que a súa patria é a xente

Con motivo do Día da Patria, Podemos na Galiza enviou un comunicado de imprensa e un manifesto, pasadas as 18h, no que di defender un “galeguismo reflexivo” e no que destaca que a súa patria “é a xente”.

Pasadas as 18h, Podemos Galiza enviaba un manifesto aos medios, acompañado dun comunicado de imprensa, no que di defender un “galeguismo reflexivo” para “mellorar a vida das persoas dentro do noso territorio”.

O manifesto sinala que “nós recoñeceremos e respectamos a súa vontade [“dos diferentes partidos e movementos nacionalistas”] de seguir conmemorando un día tan sinalado para o noso pobo”. Porén, a formación morada limítase a apelar a un Estado plurinacional.

No documento, Podemos engade que “aínda que sentimos un amor profundo por esta terra, para nós o centro da política non é outro que a cidadanía de Galicia. E por iso afirmamos que a nosa patria é a xente”. “A patria sodes vós, a xente de Galiza (...) e por eles, por vós, celebramos e defendemos a nosa patria cada 25 de xullo”, conclúe o manifesto.

O comunicado de imprensa tamén fai fincapé na defensa dun Estado plurinacional e en que a patria, para Podemos, é a xente. Amais, indica que a secretaria xeral de Podemos na Galiza, Carme Santos, pasou o día rodeada da familia e amizades na súa parroquia natal, en Porto do Son.

Comentarios