Podemos cre que non pode gañar e di que Ciudadanos gobernará co PSOE ou co PP

Carolina Bescansa, dirixente de Podemos, tratou de saír ao paso das últimas enquisas, que reflicten unha caída importante da formación liderada por Pablo Iglesias, e admitiu que non se atopan “en condicións de gañar” as eleccións xerais.

Carolina Bescansa
photo_camera Carolina Bescansa

Días após de se coñecer a última enquisa que reflicte un descenso importante de apoios a Podemos e logo do resultado electoral en Catalunya, a secretaria de Programa, Carolina Bescansa, recoñeceu que a formación que lidera Pablo Iglesias non se atopa “en condicións de gañar” as eleccións xerais. “Sexamos realistas: creo que non estaríamos en condicións de liderar un Goberno no noso país. O que temos que facer é traballar moi duro”, salientou nunha rolda de prensa que tivo lugar na sede de Podemos.

Bescansa puxo de manifesto que “cremos que imos cara unha situación o ben de pacto entre Ciudadanos e o PP ou ben de pacto entre Ciudadanos e o PSOE”. “Iso é o que diría a aritmética parlamentar”, engadiu.

En relación a un posíbel pacto co PSOE, sinalou que “a forma na que concibimos o acordo” é que “Podemos obteña mellores resultados”. Así, segundo as declaracións de Bescansa, Podemos só estaría no goberno se superase en votos o PSOE.

A última enquisa coñecida, elaborada por Metroscopia para El País, outórgalle a Podemos o 14,1% dos votos, cando esta formación se situaba no 28% nunha enquisa publicada en xaneiro de 2015.

Comentarios