ELECCIóNS XERAIS

Podemos cre que haberá dúas listas: a que leve a súa marca e na que vaia o Bloque

O partido liderado por Pablo Iglesias cre que haberá dúas candidaturas para as xerais: a que leve a súa marca e outra na que vaia o BNG. Así o sinalou hoxe Antón Gómez Reino, secretario de Análise Política de Podemos en Galiza.

Pablo Iglesias
photo_camera Pablo Iglesias

Nunha entrevista concedida a Radio Coruña-Cadena Ser, o secretario de Análise Política de Podemos en Galiza, Antón Gómez Reino, confesa que cre que concorrerán ás eleccións xerais dúas listaxes diferentes: a que leve a marca Podemos e outra na que participe o BNG. “Sen dúbida é algo que está enriba da mesa”, sinalou.

Sobre o grupo parlamentar propio, Gómez Reino, home moi próximo a Pablo Iglesias, puxo de manifesto que “de forma automática non hai case posibilidade de que haxa grupo parlamentar propio”. “Nós traballaremos por que así sexa”, engadiu.

Advirtiu ademais de que o discurso que xorde ao redor da necesidade de contar Galiza cun grupo parlamentar de seu “é un debate trampa”. “É un pouco estraño” que “desde espazos vinculados ao BNG se poña enriba da mesa de maneira sistemática o grupo parlamentar propio, afirmou o responsábel de Podemos, quen lembrou que a formación nacionalista nunca conseguiu grupo parlamentar propio no Congreso.

En relación ao nome da papeleta coa que concorrerá Podemos en Galiza ás eleccións xerais, Gómez Reino salientou que “é importante” unha referencia clara a Podemos.

Comentarios