LIMITAN O REFERENDO A CATALUNYA

Podemos e confluencias piden o "dereito a decidir naquelas nacións que o plantexasen con especial intensidade"

O documento guía de Podemos, En Comú Podem e En Marea para a negociación co PSOE defende a refundación do Estado español nunha chave plurinacional. Invocan o "dereito a decidir" para aquelas "nacións" que o plantexasen con "especial intensidade". Só especifican un nome: Catalunya.

Pablo Iglesias mitin En Marea xerais decembro 2015
photo_camera Pablo Iglesias, con dirixentes das Mareas

"O Goberno do Cambio" -terminoloxía empregada por Podemos e confluencias para se referir a un executivo de coligazón con PSOE, IU e Compromís- debería ter como obxectivo "desenvolver un Estado plurinacional onde todas as comunidades nacionais e culturais podan desenvolverse nun marco igualitario e solidario sen imposicións".

Ese Estado plurinacional recoñecería a existencia do "dereito a decidir", expresión utilizada por Podemos no canto do "dereito de autodeterminación". Quen sería titular dese dereito? Aí o texto é ambiguo, sendo que se desliza esta frase: a "plena adhesión" [das nacións] "debe ter como correlato a aceitación do dereito a decidir naquelas nacións que o plantexasen con especial intensidade". Cabe interpretar, pois, que se trataría non dun dereito inherente á condición de nación, senón decorrente da maior ou menor vontade de soberanía nunha dada comunidade nacional.

Non hai nen rastro de petición dun referendo para Galiza, embora a portavoz de En Marea no Congreso teña afirmado en público que defende esa consulta tamén para o noso país

A reforzar esa impresión coadxuva claramente o feito de que no texto se inclúe un ponto específico para se debruzar sobre o "dereito a decidir de Catalunya", o único referendo que se contempla neste texto. Non hai nen rastro de petición dun referendo para Galiza, embora a portavoz de En Marea no Congreso teña afirmado en público que defende esa consulta tamén para o noso país. Con todo, as forzas políticas estatais maioritarias sempre defenderon que o referendo -que a Constitución prescribe exclusivamente como consultivo, non vinculante- é unha competencia exclusiva do Estado.

Podemos e as súas confluencias defenden neste documento a idea de que o referendo catalán se pode facer desde a legalidade vixente, isto é, sen saír dos marcos do actual réxime político. "O referendo contará con todas as garantías democráticas, xurídicas e loxísticas que permite e ampara o artigo 92 da Constitución española". Con efeito, nese artigo ábrese a hipótese de as "decisións políticas de especial trascendencia" poderen ser "submetidas a referendo".

Para a coligazón Podemos-En Comú Podem-Anova, a pergunta do referendo catalán "debe ser única e clara, e ter como obxectivo fixar a posición da cidadanía catalá sobre o futuro político de Catalunya".

Comentarios