Podemos ataca IU porque o seu obxectivo non é a unidade popular, senón vencer o PSOE

Pablo Iglesias é un político puro e iso significa que nunca improvisa. En algún sentido é un político tecnificado, un político científico, que por algo a súa estratexia se coce na Complutense. Se deixa a Garzón sen parella de baile é por puro cálculo. Eleitoral.

Pablo Iglesias rolda imprensa
photo_camera [FOTO: Podemos]

Só nun sentido continúa a ser leninista Pablo Iglesias: na conciencia de que en política o fundamental é a conquista do poder. Nese sentido PI é un killer, un depredador. Non hai espazo para os sentimentos na política. Só espazo para fixar o teu proprio espazo. Fixar territorio, blindalo, expulsar os competidores, é o primeiro mandamento da política. Podemos, coa liquidación de IU, acha cumprir a primeira parte da sua travesía cara Itaca. A segunda estación pasa por reducir o PSOE.

Podemos interpreta que para a conquista do poder Izquierda Unida é hoxe un lastro, que non suma, senón que resta votos.

E como pretende conquistar o poder PI? Non alicerzando ningunha unidade popular. Ese conceito só o utiliza retoricamente, mais en realidade non lle interesa en absoluto. O obxectivo é outro. O obxectivo é desprazar o PSOE do espazo central da socialdemocracia e situarse como único desafiante do Partido Popular. O obxectivo é instaurar un novo bipartidismo, PP-Podemos. Ese é o norte que guía os pasos da dupla Errejón-Iglesias. E nese camiño Izquierda Unida sobra, estorba.

Que lle achega a Pablo Iglesias a compañía dunha organización aínda hexemonizada por un partido que se chama a si proprio comunista? Que lle aporta cando do que se trata é de disputar segmentos do eleitorado mornamente centrista aos que se dirixe o neoespañolista Pedro Sánchez? Iglesias pensa que non só non lle achega nada, mais que antes ao contrario lle dificulta en extremo o asalto á Moncloa.

 Non se trata só de descualificar IU como compañeiro de viaxe, mais tamén de deixar meridianamente claro que Podemos é o reverso de Izquierda Unida, mesmo en aspectos atitudinais, ontolóxicos

Esa é a chave que explica o desdén de Iglesias a Garzón na entrevista que mantiveron esta cuarta feira. Non se trata só de descualificar IU como compañeiro de viaxe, mais tamén de deixar meridianamente claro que Podemos é o reverso de Izquierda Unida, mesmo en aspectos atitudinais, ontolóxicos. Izquierda Unida sería a tristeza e a depresión e Podemos, a alegría e o entusiasmo. E eses elementos non poden combinar. IU pode continuar existindo e cocéndose no seu propio caldo do 5%, ditamina o liquidador Iglesias, cuña da propia madeira, mentres convida cinicamente Garzón a se presentar ás primarias de Podemos. Alguén pensa que un dirixente que se pronuncia nestes termos ten o menor interese por construír a unidade popular?

A cuestión é por que esta mesma lóxica non rexe nen en Catalunya nen na Galiza. Por que aquí si valora Iglesias incorporar Outra Cousa no ticket eleitoral das xerais?

En Catalunya e na Galiza o obxectivo non é só desprazar o PSOE, mais tamén socavar a base eleitoral do independentismo e o nacionalismo

A resposta é que en Catalunya e na Galiza o obxectivo non é só desprazar o PSOE, mais tamén socavar a base eleitoral do independentismo e o nacionalismo. En Catalunya Podemos-ICV ten un adversario a bater: o bloco independentista. Certo é que as críticas mais agres teñen a Mas no albo, mais ERC tampouco se vai de rositas: si é posíbel o acordo con eles no dossier social, mais non na cuestión nacional, ten dito Pablo Iglesias.

E na Galiza o albo é baleirar eleitoralmente o nacionalismo. Daí que o pragmático Iglesias aquí non desdeña a compañía dos renovadores de IU e eventualmente de Anova.

Renovadores de Esquerda Unida (que di Yolanda Díaz dos ataques de PI a Garzón?) e Anova terán que pensar se na Galiza é presentábel como compañeiro de viaxe un señor que ten acreditado que o que ten na cabeza non é a unidade popular, mais si liquidar Izquierda Unida, substituír o PSOE como referencia da socialdemocracia española e frear o independentismo en Catalunya.

Comentarios