NO MAPA DE OBXECTIVOS, O MEDITERRáNEO E ANDALUCíA

Podemos, sen IU, apresenta unha "campaña patriótica" para "gañar o noso país" o 26X

Coa coidada posta en cena marca da casa e ao ar libre, Podemos apresentou esta quinta feira a súa campaña eleitoral. Ben, en realidade apresentou a campaña de Unidos Podemos, a marca coa que, en coligazón con IU, concorre ás urnas o 26X. Fíxoo sen que no acto aparecese ninguén de IU.

 

Apresentación campaña Podemos


A táctica de comunicación de Podemos é clara: o adversario é o PP, o PSOE é un aliado e o obxectivo é gañar as eleccións. Mais quer Iglesias quer Errejón verbalizaron que no mapa de obxectivos os territorios marcados como prioridade son o Mediterráneo e nomeadamente Andalucía. Os meios fixéronlles ver que Andalucía é o principal celeiro de voto do PSOE, ergo, que a enunciación deses territorios como target evidenciaba que o que ten na cabeza o partido morado non é tanto gañar as eleccións como dar o sorpasso ao PSOE. Naturalmente os dirixentes podemitas non saíron do carril e mantiveron en todo o momento o discurso. En palabras de Pablo Iglesias, o reto é "gañar as eleccións ao PP" -ou sexa, ser primeira forza en votos-, para o cal están dispostos a "tender a mao" á "vella socialdemocracia", en alusión ao PSOE.

Iglesias e Errejón apresentaron a campaña canda Irene Montero e Carolina Bescansa. Estas ficaron silentes durante a práctica totalidade do acto e só falaron cando foron interpeladas por unha xornalista que, irónica, dixo formular a pergunta para confirmar que con efeito elas estaban presentes.

"O sorriso dun país" é o lema de campaña e o símbolo é un corazón, o que se corresponden co "o" de "unidos"

"O sorriso dun país" é o lema de campaña e o símbolo é un corazón, o que se corresponde co "o" de "unidos", a alusión á presenza de IU na marca eleitoral. Os meios dedicaron varias perguntas a se interesar por se IU faría tamén un acto de apresentación da campaña ou se se subsumiría neste de Podemos. Errejón argumentou que nestes días haberá multitude de referentes -tamén as confluencias- e que todos eles manterán perfil, autonomía e discurso. Non ficou moi claro se IU apresentará campaña específica.

Como será a carreira até o 26? Para resumilo nunha frase de Errejón: será unha "campaña patriótica" para "gañar o noso país" o 26 de xuño. "Esta é unha campaña coral de xente que vén de lugares moi diferentes para construír unha plataforma patriótica", engadiu.

Comentarios