ELECCIÓNS

Podemos, Anova e Esquerda Unida irán o 5-A como Galicia en Común-Anova

As negociacións, nas que houbo tensións entre as formacións, estendéronse até última hora.

O candidato as primarias de Podemos na Galiza, Antón Gómez-Reino (Nós Diario).
photo_camera O candidato as primarias de Podemos na Galiza, Antón Gómez-Reino (Nós Diario).

Finalmente, non sen tensións, houbo 'fumata branca' nas negociacións entre Podemos, Anova, Esquerda Unida e as mareas municipalistas de Santiago e A Coruña para concurrir como coalición ás eleccións do vindeiro 5 de abril. As tres formacións decidiro após horas de negociacións que se estenderon até o último minuto, presentarse aos comicios baixo o nome Galicia en Común-Anova. O candidato á Presidencia da Xunta será Antón Gómez-Reino, de Podemos, ao que só lle falta o formalismo de ser ratificado polas primarias internas da súa formación.

O acordo electoral, que xa se daba por feito na mañá desta sexta feira, non se puido pechar até o último momento. De feito, houbo que superar as tensións derivadas da inclusión das mareas municipalistas e tamén a repartición de postos nas candidaturas xunto co peso de cada pata da coalición, o cal foi posible no último momento e despois de reunións bilaterais entre os protagonistas.

Finalmente é Anova, a segunda pata da coalición co espazo Galicia en Común, a que asina formalmente a coalición e repartirase a súa cota coas mareas municipalistas, segundo confirmaron a Europa Press fontes da organización. A través desta cláusula, as mareas locais terán tamén representación no órgano de goberno e poderán recibir a parte económica, aínda que formalmente non figuren.

Candidaturas

Á marxe do primeiro posto pola Coruña para Gómez-Reino, cabeza de cartel da coalición, Anova logrou un terceiro posto por esta circunscrición, que pode ocupar tanto un candidato home (se se respecta a lista cremallera estrita) ou muller, de forma que serían dúas mulleres no posto dous e tres. Luca Chao será previsiblemente o número dous pola Coruña.

Eva Solla, a candidata de Esquerda Unida á Xunta e deputada nas últimas dúas lexislaturas será o un por Pontevedra, e o posto número dous quedaríallo Anova, mentres que Podemos colocaría o seu tres nesta lista. A formación nacionalista tamén tería a cabeza por Lugo e Ourense será para Podemos, posto para o que soa David Bruzos, que xa concorreu en pasados comicios para as Cortes Xerais.

Entre os detalles pactados, inclúese unha repartición do órgano de goberno do 60-40% para Galicia en Común, por unha banda, e Anova que se repartirá coas mareas, por outro. Este órgano é o que se encargará de coordinar a coalición e velar polo cumprimento dos seus acordos.

Na parte económica, segundo as fontes consultadas , a repartición quedaría nun 70-30%, de maneira que o espazo Galicia en Común quedaría co groso das subvencións electorais.

Comentarios