ERC SI CONSEGUE GRUPO PROPIO

Podemos Andalucía quer ter o mesmo status que En Marea no grupo confederal

O mundo Podemos e parceiros continúa a ser un fervedoiro no comezo dunha lexislatura que se albisca curta e que mesmo podería ser a primeira na historia en se disolver sen sequera investir presidente.

Teresa Rodríguez Podemos Andalucía
photo_camera Teresa Rodríguez

Liderada por Teresa Rodríguez, referente de Esquerda Anticapitalista e do sector crítico da formación morada, Podemos Andalucía tenciona organizarse dentro do grupo confederal co mesmo status que aquel do que disporán En Marea e En Comú Podem (status que aínda está por determinar).

Podemos Andalucía ten 10 parlamentares no grupo confederal podemita, 2 menos que a agrupación catalá e 4 máis que a representación de En Marea.

"Podemos Andalucía solicitará á dirección de Podemos que a bancada andaluza -os 10 deputados andaluces- teña un recoñecimento especial dentro do grupo confederal da formación no Congreso dos Deputados, dado o carácter de nacionalidade histórica de Andalucía, tal e como vén recollido no Estatuto de Autonomía de Andalucía", afirma a organización que lidera Teresa Rodríguez.

O grupo confederal ten como presidente Pablo Iglesias, como portavoz titular Íñigo Errejón e secretaria xeral, Carolina Bescansa. Os tres de Podemos

O grupo confederal estaría neste momento estruturado en tres agrupacións: Podemos, En Comú Podem e En Marea. De prosperar esta proposta, ficaría seccionado en catro, coa achega andaluza.

Ficaron fóra do grupo -en atención aos seus compromisos perante o eleitorado- as parlamentares de Compromís, que preferiu manter a súa personalidade propia dentro do grupo mixto e fóra dunha estrutura que por máis que se titule como confederal ten como presidente a Pablo Iglesias, portavoz a Íñigo Errejón e secretaria xeral a Carolina Bescansa. Os tres de Podemos.

Tres grupos parlamentares soberanistas

Por súa parte, ERC si conseguiu finalmente o plácet da Mesa do Congreso e constituíuse como grupo parlamentar propio, con 9 parlamentares. O soberanismo estará representado no Parlamento español con tres grupos: ERC, Democrácia i Llibertat e PNV. Tres grupos, aliás, cuxos votos son decisivos para a formación dunha maioría alternativa ao do Partido Popular.

Comentarios