MANTÉN A INCÓGNITA SOBRE A MARCA

Podemos di que porá "todos os mecanismos" para formar grupos parlamentares "nacionais"

Íñigo Errejón asegura que a existencia de grupos parlamentares para Galiza, Catalunya e Valéncia é a maneira "máis responsábel de unir España", mais deixa sen despexar a incógnita de se manterán a marca do partido neses territorios.

Íñigo_Errejón_en_Argentina_en_2015_4
photo_camera Íñigo Errejón nun acto na Arxentina [Wikimedia]

Íñigo Errejón, número dous de Podemos e secretario político do partido, asegurou esta sexta feira que a súa formación aceptará a creación, de se daren as condicións, de grupos parlamentares propios para as candidaturas que integren na Galiza, Catalunya e o País Valenciá. 

Así o asegurou en declaracións recollidas por Europa Press nas que di que Podemos é unha "forza política plurinacional" que non teme a "polifonía". Asemade, coida que esta é a maneira "máis responsábel de unir España, recoñecendo a diversidade dos diferentes territorios e nacións e queremos que iso teña un reflexo institucional", apuntou. 

A decisión foi adoptada após as dificultades atopadas por Podemos para manter a folla de rota deseñada na asemblea de Vista Alegre hai un ano e os conflitos orixinados con outras formacións que exixían un grupo parlamentar propio nas Cortes españolas como condición para apoiar candidaturas integradas por Podemos, como Barcelona en Comú ou os sectores maioritarios de Compromís.

Neste senso, Íñigo Errejón asegurou que Podemos porá todos os seus mecanismos "ao servizo de que poida haber grupos que sexan especificamente nacionais e que representen ese tipo de acumulación de forzas". Unha "reivindicación histórica", lembrou, de federacións como o PSC. 

Porén, o secretario político de Podemos non aclarou se esas candidaturas levarán a marca da súa formación o que deixaría en mans dunha reforma do Regulamanento da Cámara a posibilidade de que estes grupos parlamentares se constitúan, como explicou o secretario xeral da formación no País Valenciá, Antonio Montiel. 

Comentarios