sábado 19/09/20
CRITICA A "SOBREREPRESENTACIóN" DE FORZAS EN EN MAREA

Podemos abre a porta a concorrer en solitario ás eleccións galegas

O secretario xeral de Podemos na Galiza, Breogán Riobóo, non descarta que a formación política se presente en solitario ás eleccións galegas deste 2016 e relegou que En Marea a un “simple acordo electoral”.

Rioboo, no centro
Rioboo, no centro

Nun informe presentado perante o Consello Cidadán Galego, que foi gravado e enviado aos medios de comunicación, Breogán Riobóo abriu a porta a que Podemos se presente en solitario ás eleccións á Xunta de Galiza. En concreto, presentou tres posibilidades para encarar os comicios.

A primeira das opcións pasa por camiñar conxuntamente desde En Marea. A segunda, consistiría en buscar un espazo á marxe de En Marea –entendendo que a coligazón ten que se centrar no Congreso e non pode estar “pendente” das eleccións galegas- e a terceira posibilidade suporía concorrer en solitario como Podemos.

Así, Breogán Riobóo expuxo a posibilidade de “camiñar como Podemos Galiza en base aos nosos principios fundacionais e entendendo a fortaleza da organización amosada ao longo da campaña”.

Para traballar de cara ás eleccións galegas e para organizar a asemblea de Podemos Galiza que terá lugar no mes de febreiro, Breogán Rioboo anunciou que esta segunda feira, 11 de xaneiro, convocou unha reunión coas Secretarías Xerais Municipais.

Críticas ao proceso de confluencia en En Marea

Respecto do proceso de confluencia nas xerais, o responsábel de Podemos no país admitiu que En Marea tivo “erros” durante a campaña e asegurou que esas eivas “evidencian que temos que reflexionar perante novos desafíos e analizarmos os escenarios abertos”. 

Riobóo relegou a coligazón En Marea a un "simple acordo electoral"

Riobóo recoñeceu que o proceso de conversas para a confluencia foi “moi complexo” e que se alongou “demasiado no tempo”. Tamén admitiu que “non permitiu unha participación real activa” da sociedade. De aí que relegara a coligazón a un “simple acordo electoral”.

Ademais, sinalou que a mensaxe da campaña “non foi a mellor”, en alusión á busca do “voto explicitamente nacionalista” en detrimento da “transversalidade” de Podemos. “Conseguiuse así chegar ao máximo do voto nacionalista, que entre 1997 e 2001 acadou o BNG”, engadiu.

Riobóo critica a “sobrerrepresentación dalgunhas organizacións” que fan parte de En Marea

Na mesma liña, criticou a “sobrerrepresentación dalgunhas organizacións” que fan parte de En Marea, así como que “moitos actos desenvolvéronse nos formatos da vella política”. Hai que lembrar que das seis deputadas electas, dúas fan parte de Podemos -Antón Gómez Reino (nº1 pola Coruña) e Ángela Rodríguez (nº2 por Pontevedra)-, dúas fan parte de Anova -Alexandra Fernández (nº1 por Pontevedra) e Miguel Anxo Fernán Vello (nº1 por Lugo)-, unha fai parte de IU -Yolanda Díaz (nº2 pola Coruña)- e un, supostamente, non representa ningún destes partidos -David Bruzos (nº1 de Ourense en Común).

O responsábel político de Podemos na Galiza avogou nunha “nova metodoloxía” no partido que “poña en valor e lexitime” todos os cargos orgánicos e que dinamice os círculos de Podemos.

comentarios