martes 28.01.2020
CxG estivo na Assembleia da República

PNV e PS portugués asistirán ao acto político de Compromiso o Día da Patria

A grande novidade no acto que CxG realizará o DPG2017 é a presenza no seu xantar confraternización-mitin dun deputado do gobernante Partido Socialista portugués.

Juan Carlos Piñeiro, secretario xeral de Compromiso por Galicia.
Juan Carlos Piñeiro, secretario xeral de Compromiso por Galicia.

“O Día da Patria Galega é un día de reafirmación do noso sentimento de país e de nación”, declarou a Sermos o secretario xeral da formación galeguista, Juan Carlos Piñeiro.

“Temos unha oferenda floral ás 11 no Panteón de Galegos Ilustres e desta volta sen intervencións políticas. Será un acto simbólico, un recital con música e poesía”, di Piñeiro.

O programa complétase cun xantar de confraternización no Parque Euxenio Granell, en Compostela, onde tamén se realizará un mitin con intervencións de referentes políticos da formación. Tomarán a palabra o presidente do partido e ex secretario xeral, Xoán Carlos Bascuas; a alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso; e o alcalde de Lalín, Rafa Cuíña. Fechará o acto o secretario xeral, Juan Carlos Piñeiro.

Canto ás delegacións internacionais convidadas, estará, como é tradición, un representante do PNV, o senador José María Cazalis Eiguren, e por vez primeira un membro do Partido Socialista portugués, en concreto, o deputado da Assembleia da República eleito polo círculo de Europa, Paulo Pisco.

“Estamos a estreitar os lazos co PS. É o noso referente en Portugal. Mantivemos un encontro na Assembleia da República e acordamos estabelecermos unha colaboración política. O PS está moi interesado en intensificar a relación de Portugal coa Galiza”, afirma Piñeiro.

Destaca tamén o secretario xeral o “simbolismo” que encerra o feito de que “quer o PNV quer o PS sexan forzas políticas de goberno”, o que espellaría a vocación de CxG por ser unha forza que acabe gobernando Galiza.

comentarios