O PNV perde en favor de EH Bildu o escano que lle garantía a maioría co PSE

O reconto do voto dos residentes ausentes outorga en Bizkaia un deputado máis á esquerda abertzale, deputado que perden os 'jelkides'. Urkullu terá que tecer novas alianzas se quer estabilidade parlamentar.

Eh Bildu
photo_camera EH Bildu no brinde polo novo escano

O Parlamento vasco contará finalmente con 28 escanos do PNV (e non 29) e 18 de EH Buildu (e non 17), un cambio de deputado propiciado polo reconto en Bizkaia dos sufraxios dos residentes ausentes e que altera totalmente o escenario político que saíra das urnas o 25 de setembro. Con este cambio, o PNV xa non ten garantida a maioría co PSOE e iso obriga a novos retos.

Con estes novos resultados na man, Urkullu vai ter, se quere estabilidade parlamentar, que tecer novas alianzas. Xa non lle val recorrer á baza do PSE, non lle chega. Así que terá que dar outros pasos. Como procurar o apoio tamén do PP, ademais do PSOE, con todon o que iso pode implicar, mesmo a nivel de gobernabilidade no Estado. Ou pode tentar o PNV un acordo ou alianza con EH Bildu, o que non semella moi do gusto de Urkullu. Mesmo a baza de Podemos pode estar sobre a mesa dos jelkides.

EH Bildu falou de “xustiza poética e política” ao obter este escano tan decisivo e reiterou a súa oferta ao PNV e Podemos para conformar unha “maioría do cambio” polo dereito a decidir. Desde o PNV aceptan a perda do escano, que non van recorrer, mais lembran que son, con diferenza, a forza política máis votada. 

Comentarios