O PNV condiciona un eventual apoio a Rajoy a cambios na política penitenciaria

O PP precisa dos votos da formación nacionalista para alcanzar no mínimo os 175 votos no Congreso. O PNV confirmou esta segunda feira que xa recebeu unha chamada de Rajoy.

Urkullu
photo_camera Íñigo Urkullu

As conversas do PNV con Rajoy non só pivotarán arredor da axenda económica. A formación nacionalista vasca tamén quere falar co PP de mudanzas na política seguida polo Estado en relación aos presos de ETA, submetidos aínda á dispersión. O PNV entende que a Moncloa debe mover ficha e asumir a irreversibilidade do fin da actividade armada en Euskadi.

O primeiro contacto de Rajoy, aliás, será con Coalición Canaria, que dispón dun só escano no Congreso. A seguir ese movimento sería a quenda do PNV. Os cálculos do PP serían sumar 175 escanos, os seus propios, os de Cs, PNV e CC. Serían insuficientes para investir Rajoy caso do resto da Cámara, outros 175 asentos, votar en contra. Aí entraría a hipótese de o PSOE ceder ao final e se abster para evitar irmos a terceiras eleccións.

"Identifícome co modelo da consulta legal e pactada de Escocia", afirma Urkullu nas vésperas de abrir unha negociación con Rajoy

Fontes do PP admitiron a chamada a Sabin Etxea e tamén a hipótese de que nas conversas co PNV se falara de transferencias pendentes a Euskadi en relación coa xestión das institucións penitenciarias.

O PNV enfronta a negociación sen preconceitos e a cara descuberta. Esta mesma segunda feira, o lehendakari, Íñigo Urkullu, defendeu nunha palestra en Madrid o achegamento a cadeas vascas dos presos de ETA e a transferencia das prisións antes de 2017.

Na palestra -pronunciada no marco dos cursos de verán da madrileña Universidade Complutense- o chefe do goberno vasco puxo tamén as luces longas e mostrou cal é o seu horizonte estratéxico: "Son partidario de avanzar máis de vagar [no autogoberno] e de forma máis sólida, con seguranza xurídica. Identíficome co modelo da consulta legal e pactada de Escocia", afirmou nunha declaración de indubidábel valor político tendo en conta o contexto e o interese que na direita española espertan os 5 escanos do PNV no Congreso dos Deputados.

Comentarios