O pleno de investidura de Alfonso Rueda comezará o 10 de maio coa súa intervención

A toma de posesión decorrerá o 14 de maio, despois de que o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, comunique o resultado da votación a Felipe VI.
O candidato á presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento galego. (Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press)
photo_camera O candidato á presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento galego. (Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press)

O pleno de investidura do vicepresidente primeiro en funcións da Xunta, Alfonso Rueda, como sexto presidente do Goberno galego, comezará este 10 de maio ás 9.30 horas, coa intervención inicial do candidato.

48 horas despois, o 12 de maio, os deputados volverán reunirse para que interveñan os grupos parlamentarios e expresen o seu sentido de voto.

As tres formacións que integran o Parlamento, PP, BNG e PSdeG, xa fixeron público que votarán, a favor a primeira e en contra a segunda e terceira.

Nesa segunda xornada, os grupos parlamentarios intervirán durante 35 minutos, de menor a maior representación na Cámara (PSdeG, BNG e PP).

Tempo ilimitado para responder

Pola súa parte, Rueda terá tempo ilimitado para responder aos tres portavoces parlamentarios.

Despois da intervención do candidato, haberá unha segunda quenda de dez minutos para os grupos parlamentarios, e pechará o debate Alfonso Rueda, outra vez con tempo ilimitado para responder.

Despois do debate, terá lugar a votación, na que a maioría absoluta do Partido Popular dará a presidencia do Goberno galego a Rueda.

A toma de posesión decorrerá o 14 de maio, despois de que o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, comunique o resultado da votación a Felipe VI.

Comentarios