O pleno do Congreso debaterá a creación dunha comisión de investigación sobre o sinistro de Angrois

A Xunta de portavoces aprobou, coa oposición do PP, a proposta defendida por Alexandra Fernández, do grupo de confluencia En Marea-Podemos-En Comú Podem.

fernández no congreso en marea
photo_camera Alexandre Fernández

O pleno do Congreso debaterá a vindeira semana a creación dunha comisión de investigación sobre o accidente ferroviario de Angrois após darlle luz verde a xunta de portavoces á proposta defendida por Alexandra Fernández do grupo parlamentar En Marea-Podemos-En Comú Podem. Era a segunda vez que este grupo presentaba esta iniciativa, que agora saiu adiante ao variar o seu posicionamento o PSOE, que desta vez apoiou a proposta. Na anterior lexislatura, o PSOE opuxérase á creación desta comisión, botando abaixo, co PP, as propostas presentadas desde o BNG. 

O PP mantívose desta volta na súa política de oposición a que se debata este tema e xa acusou á oposición de querer facer política usando as persoas falecidas no accidente. Fernández agradeceu, mais "con cautela", aos socialistas que decidisen rachar a “coligazón do sielncio” que mantiña co PP.

“Coa proposta de crear unha comisión de investigación sobre o accidente do Alvia en Angrois queremos evitar que que este tipo de catástrofes ferroviarias se volvan repetir, que os responsables non se vaian de rositas poñendo fin á impunidade política e, o máis importante, devolverlle a dignidade ás vítimas e á sociedade en xeral”, defendeu Alexandra Fernández, unha vez finalizada a Xunta de portavoces do Congreso. A proposta será debatida en Pleno a próxima semana. "Agradecemoslle á Plataforma Víctimas Alvia 04155 toda a súa tenacidade para que o conxunto da sociedade poida levar a cabo este acto de reparación", concluiu Alexandra Fernández.

Comentarios