En pleno conflito polo escano de Iglesias, Espazo Ecosocialisa cre "necesaria" a "recondución do proxecto AGE"

Espazo cre que "as formas de facer política de feitos consumados" non son "propios da nova política cooperativa nen de respeito entre aliados" e censura "as tomas de posición unipersoais" en clara alusión a Beiras.

Yolanda Díaz e Xoan Hermida [Imaxe: M. Montero]
photo_camera Yolanda Díaz e Xoan Hermida nunha xuntanza [Imaxe de arquivo: M. Montero]

A substitución de David Fernández Calviño pola ourensá Carmen Iglesias Sueiro continúa a espertar malestar entre os socios da coligación AGE.

Após anunciar o portavoz do grupo parlamentar, Xosé Manuel Beiras, que aceptará --de acordo co Regulamento da Cámara-- a entrada de Iglesias Sueiro foi a asemblea comarcal de Anova-Ourense quen amosou o seu malestar pola decisión do seu portavoz nacional que viña a contravir o acordo adoptado no que exixían a expulsión de Iglesias Sueiro e a súa entrada no Grupo Mixto se teimaba en se incorporar como deputada no Hórreo. 

Espazo ve no conflito polo escano só a punta do iceberg dunha crise máis ampla en AGE que ten a ver "coa falla de vontade na súa consolidación"

Espazo critica a "unilateralidade" de Beiras

Mais as críticas, chóvenlle a Beiras tamén entre os seus socios de coligación. Así, Espazo Ecosocialista vén de emitir un comunicado público no que censura a actitude do portavoz parlamentar e coidan o conflito xerado arredor do escano "a punta do iceberg dun problema máis grande en AGE". Un problema, din, "que ten a ver coa falla de vontade" dalgunhas das forzas que compoñen AGE para apostaren na "súa consolidación". 

Así, critican que o Comisión Coordinadora da Coaligación non se reúna con frecuencia, o bloqueo existente para a celebración de asembleas unitarias arredor de AGE e mesmo que se "impida aos grupos interactuar xunto coa cidadanía fóra do parlamento". 

Re-pensar AGE

Neste senso, a Comisión Permanente de Espazo coida preciso "a necesaria recondución do proxecto AGE sobre novas bases" habida conta, subliñan, da existencia de "dúas visións" distintas á hora de concibir a relación entre as forzas que a compoñen. 

Instan a desenvolver unha xuntanza entre os dirixentes das 4 forzas que compoñen AGE

Dunha banda, estarían aquelas que a conciben como "un acordo especifico para as autonómicas e mesmo conxuntural" e, doutra --na que se sitúan @s ecosocialistas-- as que entenden que "a unidade da esquerda nacional é un proxecto estratéxico de longo percorrido".

Neste senso, apostan polo desenvolvemento dunha xuntanza entre "os máximos responsábeis" de Anova, Esquerda Unida, Espazo Ecosocialista e Equo para abordar o que podería considerarse unha re-fundación da coligación após un ano de se constituír para as eleccións ao Parlamento galego. 

Comentarios