Un Plan de Reactivación Industrial nuclea as propostas do Grupo Común da Esquerda

Poñer “freo ao devalo da actividade industrial na Galiza” e “a aposta polo I+D+i” conforman o núcleo das 40 propostas de resolución do Grupo Común da Esquerda, que tamén inclúen unha “nova estratexia para o emprego”. Presentounas esta quinta feira a portavoz Luca Chao e debateranse o 27 de setembro na segunda sesión do Debate sobre o Estado da Nación.
Luca Chao, viceportavoz do Grupo Común da Esquerda
photo_camera Luca Chao, portavoz do Grupo Comúnda Esquerda, durante a presentación das propostas de resolución para o Denate do Estado da Nación. Foto: Grupo Común da Esquerda.

“Cómpre contar cos axentes sociais para unha nova estratexia”, engadiu, “que permita aumentar o emprego, reducir a temporalidade, combater as fraudes no mercado de traballo -coma a dos falsos autónomos, mellorar os salarios reais e rematar coa fenda salarial”. O Grupo Común da Esquerda, antes En Marea e agora dez deputadas despois de que catro marchasen ao Grupo Mixto baixo o mando de Luís Villares, centrou así as súas iniciativas no económico.

O mencionado Plan de Reactivación Industrial quere ademais servir como “importante base para o retorno da mocidade galega emigrada” e para iso apóiase no desenvolvemento da investigación, para a que solicitan “a duplicación de recursos autonómicos”.

Máis alá da economía, Chao esixe da Xunta que “atenda ás reivindicacións contra a manipulación das traballadoras e traballadores dos medios públicos de comunicación”. E o crecemento do investimento orzamentario en educación. Neste último ámbito, a portavoz do Grupo Común da Esquerda concretou: “Debe incrementarse até o 5% do PIB en 2022 e avanzar cara ao 7%”. Tamén quere que os colexios concertados se convertan en públicos “mediante acordos cos centros”.

Sobre sanidade, limitouse a expresar que a súa formación demanda “o mesmo que as Enfermeiras en Loita, as pediatras, as xefas de servizo, o persoal de ambulancia, os propios pacientes: que se paralicen as privatizacións en curso e se recuperen os servizos xa privatizados”.

Entre as demais resolucións están que o Parlamento de Galiza se posicione en contra da Lei Mordaza, medidas para a transición ecolóxico, a defensa da lingua e a cultura galegas, unha reformulación do modelo de financiamento que conceda maior autonomía a Galiza ou a concesión da AP9.

Comentarios