sábado 19/09/20
Aparece o nome de Da Silva e un punto de mira

Pintadas ameazantes contra a candidata do BNG por Pontevedra

"Dasilva" e un punto de mira, nunha pintada en esprai negro nunha parede, é a ameaza que este sábado apareceu na vivenda de Carme Da Silva, tenente de alcalde do Concello de Pontevedra e candidata ao Congreso do BNG pola provincia.
 

Pintada nunha parede no domicilio da concelleira e candidata do BNG por Pontevedra Carme Da Silva. Foto: BNG.
Pintada nunha parede no domicilio da concelleira e candidata do BNG por Pontevedra Carme Da Silva. Foto: BNG.

O BNG manifestou a través das redes sociais o seu apoio e “toda a forza” á edil e candidata: “A mafia nunca dorme. No BNG tampouco, seguiremos traballando arreo por Pontevedra, porque o mellor está aínda por vir”. A formación nacionalista engadiu que ese traballo tamén será “para que a compañeira Carme Da Silva sexa deputada no Congreso” e así Galiza “teña voz propia”.

O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, tamén emitiu unha mensaxe de solidariedade á súa número dous a través da conta de twitter: “Quero manifestar todo o meu apoio á nosa compañeira. Imos continuar a defender os intereses de Pontevedra por riba de todo”.

comentarios