Rojo estuda limitacións no acceso do público ao Parlamento sen desbotar vetos a persoas

Rojo estuda limitacións no acceso do público ao Parlamento sen desbotar vetos permanentes. A oposición advoga por que se restabeleza o rexime anterior, sen limitar a liberdade dos grupos parlamentares a convidar persoas sen pasar pola peneira da presidencia.
Abel Losada (PSdeG), Xosé Manuel Beiras (AGE) e Francisco Jorquera (BNG)
photo_camera Abel Losada (PSdeG), Xosé Manuel Beiras (AGE) e Francisco Jorquera (BNG)

A Xunta de portavoces decorrida esta terza feira prolongouse durante máis de dúas horas. Segundo anunciara a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, nesta xuntanza achegaría aos grupos parlamentares unha proposta formal e por escrito en que se estabelece o réxime ao que se debe suxeitar a presenza de público na tribuna de convidad@s. No entanto --e ao igual que nas dúas ocasións anteriores en que Pilar Rojo convocou á oposición-- a presidenta solicitou dos grupos opinións e propostas ao respecto.

"Tivemos que lembrarlle que era ela a que ía levar aportacións", salientou o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, en comparecencia de imprensa. "É a terceira vez que opino", ironizaba Abel Losada do PSdeG. Os tres voceiros da oposición amosáronse sorprendidos pola publicación nos medios de comunicación de máis información da que Pilar Rojo expuxo na xuntanza desenvolvida esta terza feira, cuestión que foi tildada de "incongruencia" polo voceiro de AGE.

Malia a non ser presentada unha proposta formal por parte da presidenta Pedro Puy avanzou que a decisión sería tomada antes do vindeiro pleno

No entanto, a presidenta si achegou --aínda que de maneira oral-- algunhas das súas pretensións a respecto das restricións que previsibelmente se instaurarán --a modo de réxime de visitas-- no Pazo do Hórreo. Neste senso, a popular propuxo aos grupos que "unha das fórmulas a estudar é que cada persoa asine un documento aceptando as normas da Cámara e que poidan ser expulsadas e non volver a entrar no Parlamento durante un tempo se as
incumpren", avanzou o nacionalista Francisco Jorquera. Aliás, de se tratar dun colectivo e de se producir desorde no decorrer da sesión plenaria "o grupo político responsábel do convite podería ser sancionado", matizou o voceiro do Bloque.

Tamén así, Pilar Rojo prevé impor a quen non acepte as normas por escrito, a obriga de ver a sesión "nunha sala e a través dun televisor". Algo semellante ao acontecido cos medios de comunicación na comparecencia de Mariano Rajoy o pasado sábado.

BNG, AGE e PSdeG advirten que convidarán á cidadanía "como até o de agora" e "até que remate a lexislatura"

A maioría absoluta da que goza o Partido Popular no hemiciclo outórgalle á decisión de Rojo unha ampla marxe de manobra, até o punto de se permitir dilatar no tempo a propia decisión. No entanto, a incertidume manifestada pola presidenta racha coa clareza nas opinións do portavoz do grupo popular, Pedro Puy, quen asegurou que Pilar Rojo tería unha proposta por escrito "antes do Pleno" que terá lugar o vindeiro día 13 de febreiro.

A dignidade do Parlamento
"Un atentado contra unha alta institución do Estado". Así cualificaba Pilar Rojo o acontecido durante a sesión plenaria do pasado día 29. Unha aseveración que ranxeu nos ouvidos da oposición. "O PP fai unha leitura equivocada dos feitos", aseguraba Jorquera após a Xunta de portavoces, ao tempo que aseguraba que o acontecido non obedece "a ningunha táctica conspiratoria", senón "a axentes exóxenos", acrecentaba Beiras Torrado, quen tildou o acontecido como a consecuencia "de cidadáns que se senten defraudados" xerando, dixo, "un conflito social".

Aliás, BNG, AGE e PSdeG bateron contra a interpretación que @s populares teñen de dignidade parlamentar. "A dignidade do Parlamento cultívase doutra forma", asegurou Losada quen criticou o modus operandi do PP na Cámara empregando, por exemplo, fórmulas de presentación de leis "excepcionais". "A reforma dos horarios comerciais, sinalou o voceiro socialista, tramitarase por lectura única", un procedemento que considerou "limita o tempo da oposición para presentar achegas a 4 días hábiles". Ao igual que Losada, o protavoz nacionalista denunciou "que quen realmente viola o Parlamento é quen o ningunea quen conculca as súas competencias ou invirte o papel das institucións e utiliza o lexislativo aos dictados do executivo", sentenciou.

A oposición amosouse máis unha vez firme na súa oposición ao estabelecemento de restricións na entrada ao Parlamento e aseguraron os seus voceiros que non aceptarán "vetos" nin están dispostos "a criminalizar á cidadanía".

Comentarios