Pilar Rojo convoca aos grupos da oposición após anunciar sancións contra @s deputad@s

Representantes de PSdeG, AGE e BNG reúnense esta sexta feira a instancias da presidenta do Parlamento na procura dun "acordo" que instaure un réxime de visitas na Cámara.
A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo acusou a oposición de cometer "un atentado" contra "unha alta institución do Estado"
photo_camera A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo

Após a implantación dun veto á cidadanía o pasado día 26 de xaneiro, e da protesta protagonizada polos grupos da oposición na sesión plenaria decorrida o día 29, a presidenta do poder lexislativo, Pilar Rojo, convocou unha xuntanza cos voceiros de BNG, AGE e PSdeG.

Segundo Rojo, a súa vontade é "tender a man" á oposición na procura de liberar "a tensión" vivida a pasada terza feira no Parlamento perante o que considerou "un antentado contra unha alta institución do Estado". Neste senso, a presidenta xa adiantou que está a valorar a posibilidade de aplicar medidas sancionadoras contra @s deputad@s que permitiron a entrada dos traballadores do naval á tribuna do Pleno para o que solicitou sendos informes á policía e os servizos xurídicos da Cámara.

BNG e AGE exixen a supresión do veto imposto pola presidenta

O pau e a cenoura
Entrementres ameaza con sancións --apoiada de maneira clara polo grupo maioritario do hemiclo e o presidente da Xunta-- Pilar Rojo di estar "aberta ao diálogo" na procura de que "feitos tan graves" como os que considerou ter acontecido na pasada sesión extraordinaria non "se volvan repetir no Parlamento". Así pois, Pilar Rojo emprazou aos grupos da oposición a negociar as condicións nas que se desenvolverá o réxime de visitas que o Partido Popular a través da presidenta, pretende impor no poder lexislativo.

Malia que o Regulamento estabelece o carácter público das sesións, Pilar Rojo anunciou o pasado sábado que fixaría unha serie de condicións aos convites mediante os que a cidadanía pode acceder aos Plenos. Desta maneira, reservábase o dereito de admisión ás sesións e impedía que os grupos da oposición --nomeadamente BNG e AGE-- puidesen convidar a representantes de diversos colectivos e movementos sociais á sala. Segundo a voceira do Partido Popular, Paula Prado, a decisión debíase ás "ameazas de morte" proferidas contra "o presidente da Xunta de Galiza" en anteriores plenos e o seu obxecto era evitar "espectáculos lamentábeis" como os vividos en anteriores ocasións, aseveraba Rojo.

O PSdeG amosouse disposto a negociar a proposta de Pilar Rojo

O PSdeG amósase disposto a negociar e BNG e AGE exixen a retirada do veto
A presidenta da Cámara emprazaba aos grupos da oposición a acudir á xuntanza con “vontade de diálogo". O seu obxectivo é que da xuntanza saia un acordo por escrito --a modo de Tratado de Paz-- que poña punto e final ás manifestacións d@s deputad@s. Porén, tan só o PSdeG se amosou proactivo a acadar o devandito acordo coa presidenta e mesmo, aseguraron fontes do partido, estarían dispost@s a negociar as condicións que limiten a entrada da cidadanía ás sesións plenarias. De se producir, PP e PSdeG asinarían máis un pacto de non agresión polo cal se estabelecería un réxime de visitas, controlado e fiscalizado pola presidenta.

En troca, BNG e AGE manteñen o posicionamento expresado nos últimos días e exixen a Pilar Rojo que recúe na súa decisión e suprima o veto imposto no que consideran unha "decisión inadmisíbel" e pouco democrática.

Comentarios