PSdeG

Pilar Cancela defende facer “unha oposición máis contundente”

A presidenta da xestora do PSdeG admite que após máis dun ano “sen unha dirección sólida”, a formación política necesita facer “unha oposición máis contundente”.

Pilar Cancela_PSdeG
photo_camera Pilar Cancela

“O PSdeG debe ser un partido forte que desenvolva un proxecto político consistente” para facer unha oposición ao PP “non vou dicir dura, pero si contundente e construtiva”.

Nestes termos pronunciouse Pilar Cancela, a presidenta da xestora do PSdeG, nunha entrevista en Cadena Ser. Aínda que non citou Xoaquín Fernández Leiceaga, portavoz parlamentar, sinalou: “É certo que o grupo parlamentar está a facer un traballo excepcional, pero creo que temos que endurecer o noso discurso político nun sentido positivo”.

"Galiza non ten unha voz que a defenda”, dixo Pilar Cancela a respeito dos orzamentos do Estado

Aliás, acusou Alberto Núñez Feijóo de se pregar aos posicionamentos de Madrid en relación aos “600 millóns” perdidos para Galiza nos orzamentos xerais do Estado, “parece que non existe [por Feijóo] e Galiza non ten unha voz que a defenda”, sinalou ao respeito.

“Non hai ningún sector estratéxico do que Feijóo poida facer un balanzo positivo”, subliñou, e engadiu, “como é posíbel que non haxa unha oposición contundente enfronte? É a nosa obriga, estamos para iso”.

Sobre a situación “de interinidade” no PSdeG, Pilar Cancela cre que aínda é “apresurado” falar de decisións sobre Galiza, pero após a cita do 18 de xuño, chegará o momento de tomar unha decisión.

Aínda que, inicialmente, non habería congreso do PSdeG até setembro, a dirección de Pedro Sánchez podería elixir outra data. Sinalou, ao respeito, que “o PSdeG leva demasiado tempo nunha situación de interinidade” e “canto antes se resolva, moito mellor”.

Sobre a súa posíbel candidatura á Secretaría Xeral, asegurou que non a analizou, “non forma parte da miña preocupación nin ocupación”.

Comentarios