Pilar Cancela aposta en Patxi López, aínda que formalmente a xestora mantén a neutralidade

A xestora do PSdeG non vai tomar partido formalmente por ningún dos candidatos á secretaría xeral do PSOE. Aliás, e segundo puido saber SER Galicia, a presidenta do órgao, Pilar Cancela, teríase afastado de Pedro Sánchez e xogaría agora a baza de Patxi López.

Xestora do PSdeG. 27 de febreiro de 2017.
photo_camera Imaxe da xestora do PSdeG

O movimento de Cancela non é unha manobra solitaria, acompañaríana a maior parte dos cadros do partido das provincias da Coruña e Lugo, as que controlaba o vello aparato de Gómez Besteiro.

No plano formal, a xestora garantiu neutralidade no proceso á vista, segundo afirmou a propia Cancela esta segunda feira en conferencia de imprensa após unha reunión dese órgao.

Cancela xa mantivo reunións "informais" con representantes das candidaturas de Pedro Sánchez e Patxi López, para preparar o desembarco dos candidatos na Galiza, no cadro da campaña que os levará a disputar a secretaría xeral primeiro nas primarias e logo no congreso (que en teoría debe refrendar o resultado da consulta entre a militancia) axendada para o mes de xuño.

En todo caso, todo indica que a maior parte da xestora se acabará posicionando con Patxi López, mentres que os sectores críticos do partido -os que perderon as primarias face Leiceaga para designar o candidato á Xunta e que lidera o alcalde de Vigo, Abel Caballero- estarían con Susana Díaz, quen aínda non formalizou a súa candidatura á secretaría xeral.

A cabeza visíbel do sector pro-Pedro Sánchez é a parlamentar do PSdeG no Congreso dos Deputados Rocío Frutos.

Comentarios