Piden no Congreso d@s deputad@s a fin da suba das portaxes na AP9

Unha proposición non de lei presentada polo BNG insta Fomento a non aumentar máis o prezo das peaxes para o 1 de xaneiro de 2013 "posto que sería a cuarta vez que se incrementan os custos nun ano"

En xaneiro Fomento aplicará unha nova suba nas tarifas da AP-9, co que serán 4 os incrementos das portaxes nos últimos 12 meses. A principal vía de comunicación do país podería subir en xaneiro un mínimo do 3,1%. Este é o motivo polo que o BNG vén de presentar unha proposición non de lei pola cal insta o ministerio a non aumentar máis o prezo das portaxes.

A deputada nacionalista Rosana Pérez considera que “os constantes aumentos dos prezos das peaxes nunha situación de grave crise económica, cunha previsión de máis de 6 millóns de parados, levou a unha reducción importante do número de usuarios da AP-9. Os galegos e as galegas están utilizando outras vías como a N-550, nun estado de gran deterioro, con tramos en mal estado que supoñen un perigo para a condución”.

A deputada do BNG subliña que a AP-9 é a única autoestrada que ten Galiza que vertebra o territorio de norte a sur, “é como a columna vertebral de Galiza. Unha autoestrada moi cara, excesivamente gravosa para os difíciles tempos que se viven”.

Comentarios