Piden investigar os vínculos do PP galego coa Caixa B

O BNG pedirá no próximo pleno do Parlamento a creación dunha comisión de investigación sobre o "financiamento irregular" do PP galego, mentres que o PSdeG presentará unha moción para "rexeitar calquera forma de corrupción" e para que se asuman "responsabilidades políticas" derivadas de "causas xudiciais". Nese pleno comparecerá o conselleiro de Sanidade e, previsibelmente, sairá adiante unha reforma da lei galega de violencia de xénero, a proposta do BNG, para recoñecer vítimas da violencia vicaria e considerar esta como violencia machista.

Feixoo
photo_camera O presidente Alberto Núñez Feixoo no pleno do Parlamento (Foto: Parlamento da Galiza)

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesañana, volverá comparecer ante o pleno do Parlamento galego na próxima sesión ordinaria, na semana que vén e na que, previsibelmente, sairá adiante unha reforma da lei galega de violencia de xénero, a proposta do BNG, que recoñecerá as vítimas da violencia vicaria e considerará esta unha forma de violencia machista.

A orde do día da primeira sesión tras o parón motivado pola Semana Santa foi configurada na Xunta de Portavoces desta terza feira, 6 de abril, decorrida tras o acto de conmemoración do 40 aniversario do Estatuto de Autonomía no que o Lexislativo autonómico rendeu tributo á Xeración das Irmandades.

Dentro de sete días, o pleno iniciará co debate da reforma da lei de violencia de xénero para incluír a violencia vicaria, é dicir, a que se exerce contra as mulleres danando as súas fillas e fillos. Trátase dun dos acordos alcanzados entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na súa reunión coa líder do BNG, Ana Pontón, o pasado 26 de decembro, polo que se prevé que saia adiante co apoio dos populares.

Tras iso será a quenda de dúas comparecencias de conselleiros, o de Sanidade e o de Medio Rural, que subirán ao estrado do hemiciclo por iniciativa propia. Así, García Comesaña regresa á Cámara para debullar a evolución da pandemia na Galiza co foco posto no proceso de vacinación.

A vacinación das e dos galegos contra o Covid-19 será o tema elixido polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, para a sesión de control ao presidente da Xunta, a quen a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, demandará explicacións sobre "que achega" a Galiza a  confrontación do seu Goberno coa Administración estatal e que ten como último episodio o recurso presentado ante o Tribunal Constitucional contra a reforma sanitaria galega.

Un conflito que terá amplo espazo no debate parlamentar dos días 13 e 14 de abril. Será, en primeiro lugar, cunha iniciativa do PP coa que logrará, grazas á súa maioría absoluta, posicionar a Cámara ao lado do Goberno galego e expresar o seu rexeitamento ao recurso do Executivo español.

Os socialistas tamén levarán ao hemiciclo este asunto cunha interpelación na que cuestionarán o Goberno de Feixoo sobre "se pensa adoptar algunha medida" ante o recurso presentado no Tribunal Constitucional por unha reforma da lei de Saúde que, en palabras do deputado Pablo Arangüena, pretende "lexislar sobre dereitos fundamentais" e limitar liberdades sen estado de alarma.

O BNG pide investigar o PP

Pola súa banda, nacionalistas e socialistas tamén coinciden noutro dos asuntos que serán abordados neste pleno: o suposto financiamento irregular do Partido Popular, de actualidade polo xuízo pola 'caixa B' do PP que se retomou esta mesma terza feira após o parón pola Semana Santa.

Deste modo, segundo avanzou a deputada nacionalista Olalla Rodil, o Bloque proporá a creación dunha comisión de investigación sobre o "financiamento irregular" do PP galego, mentres que o PSdeG presenta unha moción que exporá "rexeitar calquera forma de corrupción" e que se asuman "responsabilidades políticas" derivadas de "causas xudiciais".

Estaleiros e autónomos

Ademais da mencionada iniciativa sobre a reforma da lei de saúde, o PP volverá levar á Cámara unha nova proposición non de lei para demandar a construción dun buque de acción marítima nos estaleiros de Ferrol.

Os populares tamén presentan outra proposición que reclamará cambios no decreto estatal de axudas a empresas e autónomos para que se "reconsideren" as achegas a Galiza tendo en conta "o peso" dos traballadores por conta propia no país.

Comentarios