venres 24/09/21

Piden explicacións a Feixoo pola "improvisada" xestión da pandemia

A Deputación Permanente debaterá esta cuarta feira a proposta do BNG para que Feixoo teña que comparecer no lexislativo para dar conta da decisión do TSXG sobre o certificado Covid.
Imaxe da rolda de prensa de Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)
Imaxe da rolda de prensa de Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)

A decisión do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza en contra do requisito de contar co certificado Covid para acceder ao interior da hostalaría é “unha emenda á totalidade á política da Xunta”, concluíu esta terza feira Ana Pontón, líder da oposición no Parlamento e voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego.

A contundencia do auto, que cuestiona a imposición de “medidas ilegais, ineficaces e discriminando a un sector coma o da hostalaría”, apunta a tamén deputada, obriga a Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta da Galiza, a dar “a cara” e explicar que aconteceu por “ética política e moral”.

Hoxe "na sesión da Deputación Permanente reclamaremos esa comparecencia”, abundou Pontón, que agarda coñecer que persoas do Goberno “van asumir responsabilidades políticas” e non atopar unha nova actuación “absolutista” do PP.

Perante o comportamento “improvisado” e “arbitrario” da Xunta para xestionar a crise sanitaria debido a irrupción da pandemia de Covid-19, a nacionalista pediu despois de xuntarse con representantes da Plataforma Galega en Defensa da Hostalaría “normas claras e pactadas” co sector tras un diálogo “sen exclusións”, despois de que a Xunta non contara coa plataforma nos debates sobre as restricións.

“Dez días delirantes”

Pontón fixo fincapé nos “dez días delirantes” a partir do 13 de agosto, proba da falta de planificación do Executivo. Primeiro, “publícase no Diario Oficial da Galiza (DOG) unha serie de medidas, das que moitas entran en vigor ás doce da noite, sen tempo para que a xente poida adaptarse”, explicou.

Un día despois, “o propio conselleiro [de Sanidade] anuncia cambios dese DOG”, para en catro días “publicar novos cambios de nivel, de capacidade e horarios”, e volver a modificalos dúas xornadas máis tarde.

Falta de recursos

Ben que a hostalaría foi utilizada por Feixoo para responsabilizala da evolución do Covid, Pontón retruca que só pretendía agochar a “falta de recursos en Atención Primaria, en rastrexadores, tapouse con medidas que non tiñan aval científico e que eran inútiles tratando de controlar a pandemia”.

“Só precisamos que o Goberno estea á altura das circunstancias”, indicou Lois Lopes, representante da plataforma, que expresou que están abertos a debater calquera medida mentres “sexa legal e se nos dote de ferramentas para aplicala de maneira legal”.

Piden explicacións a Feixoo pola "improvisada" xestión da pandemia
comentarios