Petición oficial no Congreso para que se vixíen as contas da Casa Real

Representantes dos grupo parlamentares do BNG, Izquierda Plural, ICV e ERC presentaron unha solicitude conxunta para se adoptaren medidas de transparencia e control parlamentar da acción do Xefe de Estado, a familia real e a súa actividade económica.
Juan Carlos I
photo_camera Juan Carlos I

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, acudiu ao Rexistro da Cámara española xunto cos representantes do grupo parlamentar da Izquierda Plural, ICV e ERC para presentar esta solicitude conxunta para unha Comisión de Investigación sobre a Casa Real, para se adoptaren medidas de transparencia e control parlamentar da acción do Xefe de Estado, a familia real e a súa actividade económica.

Na rolda de prensa, Davila argumentou a necesidade desta Comisión de Investigación porque “40 anos despois de se abrir paso a monarquía parlamentar, é preciso que esta institución sexa sometida ao control do Parlamento e se lle apliquen criterios de transparencia á hora de dar conta da súa actividade”. Ademáis, subliñou, “estamos nun momento moi duro de crise económica, na que a cidadanía padece brutais recortes sociais, económicos e laborais”.

Contradicións do sistema

Pero “aí están as contradicións do sistema: unha institución como a monarquía que non dá contas de nada, que pervive nunha total falla de transparencia tanto no económico como noutras actividades”. Davila aludiu os “últimos escándalos que afectaron á Casa Real como o caso Urdangarín ou a viaxe do Xefe de Estado a Botsuana, feitos que demostran que máis que nunca é preciso que haxa transparencia”.

No texto presentado no Congreso, sinálase que “os últimos escándalos acontecidos co Xefe de Estado e a súa familia puxeron de relevo a falla de fiscalización económica e política desta institución, así como o dispendio que realiza con cartos públicos”. “As iniciativas realizadas desde diferentes grupos parlamentares, como o BNG, para coñecer as actividades do Xefe de Estado foron na súa maioría rexeitadas pola Mesa da Cámara, mantendo así a opacidade e a falla de control parlamentar sobre unha institución cuxo orzamento procede dos Orzamentos Xerais do Estado”.

Comentarios