Obituario

Pesar no socialismo galego polo pasamento de Modesto Seara, primeiro líder do PSdeG-PSOE

Faleceu esta terza feira en México, onde residía após impulsar un novo modelo de universidades para a cidade de Oaxaca.
Modesto Seara, en México. (Foto: El Imparcial de Oaxaca)
photo_camera Modesto Seara, en México. (Foto: El Imparcial de Oaxaca)

O PSdeG-PSOE trasladou na tarde desta terza feira o seu pesar polo falecemento en México de Modesto Seara (Allariz, 1931), primeiro secretario xeral da formación política na Galiza após a súa refundación tras a morte do ditador Francisco Franco.

"O papel xogado polo doutor Seara na Transición foi decisivo. Descanse en paz", expresaron os socialistas galegos nunha mensaxe difundida nas redes sociais do partido.

Pola súa parte, a secretaria xeral do PSdeG de Ourense, Natalia González, puxo en valor a contribución de Modesto Seara "á historia dos socialistas na Galiza e especialmente en Ourense", a súa "excelencia" a nivel educativo como reitor en diversas universidades mexicanas, a súa "loita comprometida" contra o franquismo e a súa "profunda pegada" que todos os socialistas lembrarán para "continuar loitando xuntos por un mundo mellor".

Modesto Seara residía actualmente na cidade mexicana de Oaxaca, onde fundou un novo modelo de universidades —Sistema de Universidades Estatais de Oaxaca— do que era reitor e que tornou no seu proxecto vital.

Previamente fora o primeiro secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense e mais da federación socialista galega do PSOE, e ocupou tamén a secretaría local despois de José Rivera e Manuel Villar, a partir de 1977.

Comentarios