Será enterrado esta cuarta feira

Pesar polo falecemento do histórico nacionalista Xan López 'Lito'

Xan Manuel López Álvarez “Lito” (Celeiro, Viveiro, 1948) uniuse desde moi novo á loita contra a ditadura. Á volta de 1970, mentres estudaba bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela, veuse obrigado a exiliarse en Francia, para librase dun procedemento aberto na súa contra no Tribunal da Orde Pública (TOP). Unha vez retornado a Galiza, tras pagar unha sanción gobernativa, continuou a loita  como militante da Unión do Povo Galego (UPG).

Lito
photo_camera Xan Manuel López Álvarez 'Lito' (Foto: Nós Diario).

“Lito” foi detido o 10 de agosto de 1975 na súa casa da Coruña en relación coa vaga represiva aberta contra a militancia nacionalista tras o asasinato de Moncho Reboiras. Membro da Fronte Armada da UPG, participou en diversos operativos do mesmo, sendo un dos militantes da organización que participou canda Reboiras e catro compañeiros máis no roubo de documentos de identidade na comisaría de Lugo en 1975.

A estadía carceraria de López Álvarez alongouse até marzo de 1977. Integrado na comuna de presos da UPG no cárcere da Coruña, cando os seus compañeiros, Xosé Manuel Brañas, Manuel Fernández e Marisa Vázquez, participou dun intento de fuga mediante a elaboración dun túnel na prisión.

“Lito” mantivo o seu compromiso político até o final dos seus días. Membro do Comité Executivo e do Comité Central da UPG, secretario de organización do partido e dirixente do BNG, participou facendo parte da súa dirección da fundación do Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN) e da Fronte Popular Galega. Unha parte da súa traxectoria militante aparece documentada da súa propia boca no  filme dirixido por Alberte Mera, Reboiras, acción e corazón.

A partir da segunda metade da década dos 80 “Lito” centrouse na defensa das xentes do mar. Directivo de diversas confrarías de pescadores da Galiza e secretario da súa federación galega, impulsou o colectivo de afectados polo afundimento do Mar Exeo. Os seus familiares e amigos velarano ao longo do día de hoxe no tanatorio de “Pompas Fúnebres” na coruñesa praza da Palloza e será enterrado maña no panteón familiar de Celeiro, en Viveiro.     

Comentarios