Perto de 900 militantes avalan Ana Pontón como candidata do BNG á Xunta

A deputada presentou os avais para poder postularse como candidata do Bloque á presidencia da Xunta. O prazo para candidatarse finaliza esta cuarta feira.

ana ponton
photo_camera Ana Pontón no momento de presentar os avais

Ana Pontón presentou no rexistro do BNG o aval de 890 militantes nacionalistas para ser candidata á Xunta de Galiza polo Bloque. Esta cuarta feira remata o prazo para postularse como cabeza de lista do BNG na cita das eleccións galegos, para o que abonda con reunir 50 avais. O prazo marcado polo calendario indica que, finalizado o 20 de abril o prazo para presentar candidaturas, comeza agora (21 de abril e até o 27) as asembleas comarcais. O 30 de abril, o Consello Nacional proclamará a persoa candidata á Xunta.

“É o momento de que fale a militancia nas asembleas comarcais, que haxa un debate vivo, participativo”

Pontón agardeceu a todas as persoas que nestes días a “animaron e apoiaron” nas diferentes comarcas para dar este paso, e dixo que agora “é o momento de que fale a militancia” nas asembleas comarcais e “haxa un debate vivo, participativo”.

A portavoz nacional reiterou que o nacionalismo é “un proxecto con futuro, e de futuro para Galiza”, ao tempo que situou o BNG como “parte decisiva” para derrotar o PP e garantir “un cambio nas políticas que levaron este país á ruína e o desastre”.  

Concorrencia

En canto a fórmula de concorrencia, explicou que a militancia “marcou unha folla de ruta clara” que pasa por fortalecer o proxecto nacionalista sumando a cantas organizacións, colectivos e persoas a título individual queiran traballar para darlle a Galiza “unha candidatura de país, coa cabeza e co corazón aquí, sen supeditación a forzas políticas estatais”.

Comentarios