Perto de 37.000 persoas votaron nas 34 consultas sobre a independencia de Euskal Herria

A participación foi do 30 por cento. Un 95% votaron si á pregunta 'Desexa ser cidadán dun estado vasco soberano?”. 

consulta azpeitia euskal herria Imaxe Naiz
photo_camera Imaxe: Naiz

Un total de 36.895 persoas tomaron parte este domingo nas 34 consultas sobre a independencia de Euskal Herria que decorreron noutras tantas vilas e localidades vascas, nomeadamente de Guipúscoa. A participación foi do 30% do censo, un dato que os organizadores das consultas (Gure Esku Dago) valoran de forma positiva pois entenden que estamos “perante o primeiro de moitos pasos”. Xa hai en marcha novas consultas, que decorrerán este ano e 2017 en diferentes concellos de Euskal Herria.

O 95,3%das persoas que tomaron parte neste proceso votaron si a ser cidadáns dun estado vasco soberano. Son 35.124 votos. Polo non a esta cuestión optaron 1.385 votantes, o 3,8%. A abstención foi do 80%. A participación variou entre os diferentes concellos, habendo varios onde superou o 70% (Ipaster, Zaldibia, Zerain, Gaintza, entre outros). En localidades máis grandes, como Azpeitia, con 15.000 habitantes, tamén houbo unha participación superior á media: 40 por cento.

Gure Esku Dago habilitou 114 mesas de votación, en vías públicas ou en propiedades privadas, evitando así usar dependencias municipais para a consulta, o que podería ter consecuencias xudiciais. Desde esta plataforma popular destacan que até non hai tanto sería imposíbel “facer nada construtivo” a respeito das consultas “pola crispación”. Mais agora, indica, abren unha vía de “normalidade” para “escoitar, falar, acordar e decidir”.

En breve, 60 consultas máis

Anjel Oiarbide, de Gure Esku Dago, anunciou que en 2017 máis de 60 concellos de Euskal Herria celebrarán este tipo de consultas. Antes, en outono deste ano, haberá consultas en localidades como Dima ou Bakaiku. 

Comentarios