BANQUETE DE CONXO 2.0

Perto de 200 persoas comezarán a dar forma no 'Banquete de Conxo 2.0' aos alicerces para unha candidatura galega

Promotores da iniciativa que decorrerá o domingo falan dunha convocatoria “aberta” e “plural” da que terá que saír un “movemento” que calle nunha lista “de base, cidadá” e co centro de decisión en Galiza.

Conxo comisión promotora

En 1856 Conxo acolleu un xantar de confraternidade que reuniu obreiros (artesáns) e estudantes no que pasou ser coñecido como 'Banquete de Conxo', un acto que provocou arrepíos nos sectores máis conservadores da época e no que a democracia, a xustiza social e Galiza foron as cuestións enxalzadas e defendidas polos asistentes. 159 anos despois Conxo vai ser escenario, domingo 23 de agosto, dun novo encontro, outra vez coa democracia, a xustiza social e Galiza como eixos vertebradores.

A Comisión cidadá promotora do 25X unitario, que xuntou máis de 25.000 persoas no Día da patria, compareceu esta sexta feira en Compostela para presentar un acto que xa era coñecido por levar semanas 'rulando' como manifesto. Xosé M. Pereiro, Pilar Fernández, Carlos Ares e Suso Díaz coincidiron en destacar o carácter aberto da convocatoria, a aposta en aunar sensibilidades e a importancia de que o domingo saia dese encontro “algo máis que quedar para outro día”, en palabras de Pereiro.

Propoñen asistir a este acto levando “unha pequena póla de loureiro, en lembranza das que levaron as persoas asistentes ao primeiro Banquete”, o que decorreu em 1856

A Praza Aurelio Aguirre de Conxo será o epicentro en torno ao cal o domingo se produzan os debates, os grupos de traballo e o convivio. Non hai liñas vermellas nin condicións pevias, apenas que a candidatura “sexa de base, cidadá, o que non quer dicir que partidos e organizacións...” non teñan un papel a xogar. E que esa candidatura debe ter o seu centro de decisión en Galiza.

Manuel Rivas e netos de Bóveda e Viqueira

Hai inscritas máis de 175 persoas para tomar parte neste encontro, entre elas o escritor Manuel Rivas e os netos de Alexandre Bóveda e Xoán V. Viqueira. Representantes de movementos sociais, de asociacións de veciños... tamén estarán no encontro do domingo. Os impulsores da iniciativa teñen claro que desa xuntanza “ten que saír un movemento” que se espalle e prenda en vilas e cidades de Galiza para pular pola candidatura galega. “Convidamos a todo o mundo a participar e achegar”, dixo Pilar Fernández, “porque o futuro que se presenta para Galiza é duro” e cómpre “artellar un movemento integrador” que lle faga fronte. Carlos Ares afirmou que tempos excepcionais requiren este tipo de propostas perante un poder “que nos quere roubar todo, até a esperanza” e amosou o seu convencemento de que vai ser “un acto bonito”.

De por parte, Suso Díaz -ex secretario xeral de CC OO da Galiza- manifestou que se debe dar resposta a ese “sentir” que hai na sociedade galega de que é precisa a “unidade” para afrontar a situación actual e poder lograr un camio.

Grupos de traballo

Na xuntanza do domingo haberá tres grupos de traballo (contidos, organización e extensión), que acollerán os debates, análises e achegas; que serán postas en común e voltas a debater por todas as persoas asistentes. “De aí sairá algo, que se chame como se chame, ten que comezar a andar” cara á conformar a candidatura galega.

A respeito das referencias de organizacións a este acto, Pereiro sinalou que ese tipo de reaccións. ben como que "outras iniciativas se movan" son positivas, pois era un dos obxectivos ao convocar unha xornada como a do domingo, animar a que haxa reaccións e movemento.

Pola Unión

Os promotores do manifesto 'Pola Unión' convidan os máis de 750 asinantes do documento a asistir ao encontro de Conxo. Consideran que “é un novo e importante paso cara á unión de esforzos para atinxirmos unha candidatura unitaria en chave de país". Por iso, salientan, “e partindo da consideración de todos os brazos seren poucos na construción solidaria da nación”, fan este convite. Ademais, e nun acto de recuperación da memória, propoñen asistir a este acto levando “unha pequena póla de loureiro, en lembranza das que levaron as persoas asistentes ao primeiro Banquete”, o que decorreu em 1856.

Comentarios